Home
actividades
Mostrando postagens com marcador actividades. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador actividades. Mostrar todas as postagens
Sempre en Galiza, unha boa orientación para aclarar a situación política actual no Estado español e no mundo.
O acto sobre os 70 anos do Sempre en Galiza puxo en evidencia a vixencia das análises de Castelao sobre o carácter antidemocrático e imperialista do Estado español.
As intervencións de Manuel Rei, Alberte Souto e Manuel Anxo Fernández Baz foron debullando os argumentos do noso grande político, escritor e artista sobre por que Galiza é unha nación, cal é a súa función dentro do Estado, como nación asoballada, por que e para que necesitamos ter capacidade de decidir, autodeterminación, e como unha alternativa nacionalista é a única garantía de verdadeiro internacionalismo. Especial interese tivo a clarificación sobre o federalismo de Castelao, que nada ten a ver co que defenden algúns partidos españois.
Para Castelao un verdadeiro Estado federal tiña que ser o prduto do pacto libre entre as nacións que o compoñen. Para iso cumpre que a nación actúe con total soberanía, que teña o seu propio proceso constituínte e que sexa a que decide o que cede, e en que condicións, para facer posíbel a unidade. Isto é, unha construción de abaixo arriba, na que a última palabra a teñen os pobos que pactan.
De non ser así, só cabe outra alternativa para un pobo ser libre e existir, a independencia total, cun Estado propio diferenciado. No coloquio púxose de manifesto o esquecemento interesado de todo o pensamento de Castelao, da súa obra artística e da súa traxectoria política. E acordouse continuar con actividades que espallen a súa obra, en particular a plástica.
O traballo relacionado coa Iniciativa Lexislativa Popular a este respecto que se iniciará en xaneiro, será unha boa oportunidade para facelo.
Un agasallo para os ouvidos e un para a razón e o sentimento
Paco Montero tiña o empeño de demostrar a capacidade do noso idioma para a ópera. Contando coa inestimábel colaboración do pianista Andrés Pazos, deleitounos o sábado, día 29, no auditorio do Conservatorio Xan Viaño, en Ferrol, cun recital ameno, vivo e participativo. Cantou con mestría e devoción cancións napolitanas, pezas de Puccini, Schubert e Johan Strauss fillo, ademais de cancións galegas,Unha noite na eira do trigo, letra Curros Enríquez e música do mestre Chané, Meus amores, de Baldomir, letra de Salvador Golpe, e a estrea de Pobre Galicia, non debes chamarte nunca española, o poema rosaliano, con música de Andrés Pazos.
Se todo o recital engaiolou os asistentes, un público entregado, é de xustiza destacar a súa sorpresa perante as dúas últimas, pouco coñecida unha, unha novidade absoluta a outra. Desde a Sociedade Cultural Medulio queremos dar os parabéns a Paco Montero e a Andrés Pazos, ademais de lles agradecer o seu reconfortante recital.
O vídeo da AS-PG 'I ante aquel silencio mudo", eficaz instrumento para espallar unha imaxe real de Rosalía e a intención dos seus Cantares Gallegos
Así o considerou o público que asistiu á súa presentación na Escola de Idiomas de Ferrol, en acto organizado pola nosa Sociedade o día 12 deste mes.
Xoán Costa, presidente da AS-PG e produtor do video, fixo a presentación para explicar como xurdira a idea da súa elaboración.
Este interesante documental pode adquirirse na loxa da AS-PG e do dixital SERMOS GALIZA. Seis euros para socios e oito para os que non o son.
Grande expectación perante a próxima estrea da adaptación cinematográfica d'A Esmorga: cheo na Galería Sargadelos
Como estaba previsto, celebrouse con grande asistencia de público a presentación da adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor. O director, Ignacio Vilar, defendeu a necesidade de Galiza contar cunha imaxe propia no terreo do audiovisual, en particular o cinema, e incitou a un esforzo colectivo por logralo.
Temos a oportunidade de demostrar esta necesidade e de valorala, na súa xusta dimensión, acodindo ao cine a partir do día 21 de novembro, a contemplar A esmorga, un filme que é un salto cualitativo para o cinema galego. Os novelistas, Jorge Llorca e Henrique Dacosta, subliñaron a fidelidade da adaptación cinematorgáfica de Ignacio Vilar ao espírito da novela, e louvaron as súas cualidades técnicas, formais e visuais.
O crítico Manuel Rei formulou un feixe de preguntas que provocaron certo debate, sobre a idoneidade da elección dos actores, a ambientación na época franquista e a adecuada relevancia dos factores de colonización no filme.
O DíA 21 de NOVEMBRO AO CINEMA en toda Galiza: TEMOS UNHA CITA CON A ESMORGA!!!!!!
Excursión do 11 de Outubro: descubrimento do agachado
Un día claro, risoño e morno acompañou a excusión que Medulio organizou o día 11 de outubro ás terras de Britonia, concretamente Lourenzá, Mondoñedo e San Martiño, caracterizadas `por unhas pegadas moi relevantes en todos os terreos, histórico, artístico, cultural, relixioso e político, desde o século V. Contemplando e estudando o seu patrimonio, non fica lugar a dúbidas da súa importancia crucial na Alta Idade Media e na conformación e identidade do reino de Galiza como unha realidade histórica sen solución de continuidade desde a época sueva.
A primeira impresión foi de pasmo, dentro do mosteiro de Lourenzá, perante o sortego do conde Osorio Guterres, un representante principal da clase dirixente galega do século X. Trátase, segundo os analistas, dunha xoia do século V, característica da arte paleocristiá, proba das relacións económicas. comerciais, culturais e políticas de Galiza tanto co norte da Europa como co Oriente. Asemade, aínda foi máis chamativo, por nunca antes visto polos presentes, o retablo-relicario de madeira, con vinteoito rostros de santos e santas policromados, en perfecto estado de conservación, de fins do século XVII, na sacristía da Igrexa. O exemplar máis grande, fermoso e ben conservado de cantos existen na Península Ibérica, segundo todos os informantes.
A estancia en Mondoñedo incidiu na explicación da catedral e dos sucesos relacionados co asasinato do Mariscal Pardo de Cela pola monarquía dos Reis Católicos. Logo aproveitouse para un xantar ao ar libre, cada quen coa súa comida, sen faltar a tarta típica e un intercambio comunal de alimentos.
Pola tarde, visita e explicación detallada da basílica de San Martiño, Foz, prerrománica nos seus inicios e románica compostelá nos acabados, un monumento único, seguramente o lugar que fora xa sede da diócese de Britonia. Non faltou previamente, e a menos de 200 metros da basílica, a visita ao Espazo Caritel, unha mestura de arte e botánica, orixinal do artista plástico Caxigueiro, que espertou o interese e entusiasmo da excursión. Agradecemos especialmente a este destacado artista as súas explicacións e a súa amabilidade. Como tamén ás dúas guías, a de Lourenzá e a de San Martiño, o entusiasmo e o coñecemento ao mostraren este patrimonio. Non podemos esquecer a Ramón Ermida, por conta de quen correu a información histórica e a planificación das visitas na zona, grazas de corazón.
As vintecinco persoas que compuñan o grupo excursionista regresaron ás sete e media do serán para Ferrol moi satisfeitas de teren participado dunha xornada con tantos descubrimentos do agachado e tanta fermosura..
Presentación de “OBRAS ESCOLLIDAS, V. II”, de Bautista Álvarez
Bautista Álvarez, fundador e ex presidente da UPG: “Non podemos fiar a nosa existencia aos procesos electorais en exclusiva”
Bautista Álvarez presentou o V II das súas “Obras Escollidas” na Galería Sargadelos, de Ferrol, nun acto organizado por MEDULIO. Foi presentado por Francisco Rodríguez, camarada de partido e amigo de moitos anos. Após unha intervención breve sobre o contido dalgúns dos textos recollidos no volume, Bautista Älvarez respondeu a preguntas do público.
Estas versaron sobre a súa valoración sobre a situación do nacionalismo na Galiza, o comportamento da esquerda estatal en relación co problema nacional galego, a Constitución española como produto da cobertura do pacto co franquismo, a traída dos restos mortais de Castelao en 1984 e a influencia do seu pensamento hoxe e a idoneidade ou non do uso do termo mercado para aludir aos poderes capitalistas.
O fundador da UPG subliñou a necesidade de o nacionalismo aclarar o pobo galego sobre a situación de dependencia colonial que vive e organizalo nun combate pola mudanza do sistema, partindo do seu nivel de conciencia, e alertou sobre o frustrante que é vivir a política cunha obsesión exclusivamente electoral, por moi importante que sexa a presenza nas institucións do réxime.
Excursión ás Fragas do Eume: unha visión diferente e real do noso Patrimonio
SÁBADO 21 DE XUÑO
Saída: ás 15:30 h do edificio de Correos
Percorrido a pé de 6 km, fácil.
Ás portas dunha nova reestruturación do sector naval na Ría de Ferrol
O acto sobre o sector naval, organiado por Medulio para o 29 de marzo, ás 20 horas, mudou de formato, xa que nin PP nin PSOE mostraron o mínimo interese en comparecer na palestra de debate. Ao final foi a deputada do BNG, Rosana Pérez, en solitario, a que explicou cais foran as iniciativas nacionalistas no Congreso, as únicas existentes sobre o NAVANTIA.
Denunciou o comportamento do Goberno do PP, limitándose a seguir no ronsel de reducir cadros de persoal e mermar a capacidade produtiva dos nosos estaleiros, e defendeu a necesidade de seguir batallando para acabar, ademais de co veto sobre antiga Astano, coas limitacións produtivas que pesan sobre Navantia e volver á produción tamén no sector civil, como única maneira de podermos superar esta situación crítica. Ficou claro que os sucesivos gobernos do Estado foron aplicando un deseño, agora na súa fase final, que cómpre mudar radicalmente.
Un animado coloquio seguiu á intervención de Rosana Pérez, coa participación do público que enchía a sala da Galería Sargadelos.
Excursión ao Belelle
O día 8 de marzo, sábado, tivo lugar a excursión ao Belelle, adiada por mal tempo. Agora cun tempo primaveral, 35 persoas, desprazadas en autobús desde Correos até o Colexio Público ao pé do río, realizaron unha camiñata de máis de dúas horas pola beira deste até a Fervenza, e desde esta subiron ao monte Marraxón, onde foron recollidas de novo polo autobús.
Neste período de tempo, entre 15.30 e 18.30, contempláronse muiños, pazo, flora e orografía do val do río, con explicacións en especial botánicas por conta de Manuel Cortizas, en concreto sobre os distintos tipos de loureiro, as anémonas, as primaveiras, os alvedros e fentos mioi especiais e endémicos. A contemplación da Fervenza, polo espectacular caudal de auga, desde distintas perspectivas e lugares, mereceu a atención de todos e todas as excursionistas, que ficaron con moita satisfacción pola tarde de pracer, fermosura e comunicación pasada.
Assinar:
Postagens
(
Atom
)





































