image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Excursión do 11 de Outubro: descubrimento do agachado


Un día claro, risoño e morno acompañou a excusión que Medulio organizou o día 11 de outubro ás terras de Britonia, concretamente Lourenzá, Mondoñedo e San Martiño, caracterizadas `por unhas pegadas moi relevantes en todos os terreos, histórico, artístico, cultural, relixioso e político, desde o século V. Contemplando e estudando o seu patrimonio, non fica lugar a dúbidas da súa importancia crucial na Alta Idade Media e na conformación e identidade do reino de Galiza como unha realidade histórica sen solución de continuidade desde a época sueva. 




A primeira impresión foi de pasmo, dentro do mosteiro de Lourenzá,  perante o sortego do conde Osorio Guterres, un  representante principal da clase dirixente galega do século X. Trátase, segundo os analistas, dunha xoia do século V, característica da arte paleocristiá, proba das relacións económicas. comerciais, culturais e políticas de Galiza tanto co norte da Europa como co Oriente. Asemade, aínda foi máis chamativo, por nunca antes visto polos presentes, o retablo-relicario de madeira, con vinteoito rostros de santos e santas policromados, en perfecto estado de conservación, de fins do século XVII, na sacristía da Igrexa. O exemplar máis grande, fermoso e ben conservado de cantos existen na Península Ibérica, segundo todos os informantes. 


A estancia en Mondoñedo incidiu na explicación da catedral e dos sucesos relacionados co asasinato do Mariscal Pardo de Cela pola monarquía dos Reis Católicos. Logo aproveitouse para un xantar ao ar libre, cada quen coa súa comida, sen faltar a tarta típica e un intercambio comunal de alimentos.



Pola tarde, visita e explicación detallada da basílica de San Martiño, Foz, prerrománica nos seus inicios e románica compostelá nos acabados, un monumento único, seguramente o lugar que fora xa sede da diócese de Britonia. Non faltou previamente, e a menos de 200 metros da basílica, a visita ao Espazo Caritel, unha mestura de arte e botánica, orixinal do artista  plástico Caxigueiro, que espertou o interese e entusiasmo da excursión. Agradecemos especialmente a este destacado artista as súas explicacións e a súa amabilidade. Como tamén ás dúas guías, a de Lourenzá e a de San Martiño, o entusiasmo e o coñecemento ao mostraren este patrimonio. Non podemos esquecer a Ramón Ermida, por conta de quen correu a información histórica e a planificación das visitas na zona, grazas de corazón.


As vintecinco persoas que compuñan o grupo excursionista regresaron ás sete e media do serán para Ferrol moi satisfeitas de teren participado dunha xornada con tantos descubrimentos do agachado e tanta fermosura..

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário