image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

MEDULIO reanuda actividade

O día 29 de setembro tivo lugar a palestra de Pilar García Negro sobre Emilia Pardo Bazán co gallo da presentación do seu libro sobre o feminismo da novelista e a visión que de Galiza nos fornece. No contexto actual dunha exaltación acrítica e interesada, non xa da súa obra, senón tamén da súa persoa e conduta, García Negro debullou o pensamento da escritora en aspectos tan centrais e críticos como o seu feminismo e a súa visión de Galiza. No primeira cuestión, a análise realizada puxo de manifesto o carácter fondamente clasista da súa concepción da muller e a distorsión entre o que a escritora consideraba lexítimo, mesmo no terreo moral, para persoas da súa clase, e o que predicaba e receitaba como norma a seguir e expectativas de futuro para as que pertencían ás clases populares. En síntese, a moral católica facíase laxa no seu caso, porén era de obrigado cumprimento na educación da masa feminina. Máis grave, espiñenta e sen paliativos é a visión da Pardo Bazán sobre o seu país de orixe, Galiza, tal como demostrou a profesora Pilar García Negro, Galiza é un pobo que está condenado a ser colonizado, pois a súa maioría salvaxe e inculta, labregos e mariñeiros, por si mesmos non teñen capacidade para progresaren e civilizárense. É unha masa bruta, case animal, que debe aceptar a súa españolización mansamente, única forma de acceder a outro nivel cultural que posibilite o progreso e a modernización. Neste aspecto, sen dúbida algunha, Emilia Pardo Bazán é galega, un claro exemplo de asimilada que sinte un profundo auto-odio respecto do pobo de orixe, co que non se identifica, a non ser nun plano meramente pintoresco, nunca piadoso ou de compenetración, menos como se fose un membro máis del. Era unha muller de familia burguesa que aspirou e logrou ingresar na nobreza, e como tal se comportou como membro da elite española, con ínfulas e pretensión intelectual, incluida a intervención na vida pública a través da escrita, sempre para favorecer o réxime vixente, a monarquía borbónica, sen dúbida o que a arroupou na promoción da súa obra. Son o seu españolismo rabioso e o seu feminismo individualista os que hoxe pretenden presentarse como valores a imitar. Velaí o por que do empeño en convertela no que nunca foi: unha muller galega de vocación e conciencia, escritora galega, e unha feminista revolucionaria. Non só non era amiga de Rosalía de Castro senón que era unha inimiga de calquera proxecto cultura que pretendese restaurar unha cultura nacional multifacética. En particular, era hostil ao uso da lingua galega para todas as funcións na escrita, mesmo para a literatura que excedese os límites do folclorismo. Aberto o coloquio, dirixíronse, malia o avanzado da hora, diversas preguntas a PIlar García Negro, que tivo ocasión de afondar en máis cuestións e matizar ou aclarar as tratadas na súa intervención. Ao cabo, García Negro asinou exemplares do seu libro Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán.

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário