image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

APOSTEMOS POLO LOCAL


Fai unhas semanas, a ONU avisaba que a solución aos problemas que trouxo consigo A Covid-19, non se ían solucionar da noite a maña coa vacinación da poboación. A crise económica provocada pola pandemia, ía a tardar anos en abandonarnos. Perto de varios centos de millóns de pobres ían a sumarse aos xa existentes, non so nos países empobrecidos, que non pobres, senón tamén no mundo mal chamado desenvolvido. As traballadoras de todo o planeta, coa escusa da Covid-19, perdemos non so dereitos, senón tamén poder adquisitivo, sobre todo as mulleres(un 8.1% fronte ao 5.4% dos homes segundo a ONU). Pola contra, as grandes fortunas do planeta aumentaron as súa riqueza nestes meses, de xeito escandaloso. Mentres que unha parte importante da cidadanía tivo serios problemas para chegar a fin de mes, para poder alimentarse elas e as súas familias, para poder pagar as facturas polo peche das empresas e negocios provocado pola corentena e as medidas posteriores, este 1% da poboación, o cal, descoñecemos na súa maioría e ninguén ponlles cara, facía o agosto enchendo os seus petos e atraendo para si aínda máis, a riqueza do planeta.

Porque as grandes danmificadas con esta crise sanitaria, foron as clases populares; as traballadoras e pequenas burguesas, que viron como da noite para a maña perdían a súa fonte de ingresos ou a vían seriamente diminuída, mentres as grandes corporacións económicas seguían aumentando e acaparando os diñeiros, co beneplácito da clase política dominante e as medidas que está a tomar esta, para mitigar a crise económica provocada pola pandemia, medidas claramente favorecedoras para o gran capital e raquíticas e insuficientes ou incluso atrévome a dicir inexistentes, como estamos a comprobar hoxe en día coa hostalaría, para as clases populares.

 Máis é indubidábel, que nós as consumidoras, termos en nosas mans cambiar xe xeito importante e reverter esta situación, con unha arma que é fundamental para que as grandes fortunas existan: O noso consumo.

É fulcral que a cidadanía, reformulemos o noso modelo de consumir e pensemos que co noso gasto, podemos crear máis ou menos riqueza, máis ou menos postos de traballos nas nosas localidades, elixindo entre mellorar e favorecer a economía real dos pobos ou pola contra, seguir favorecendo a economía especulativa, que tanta miseria e pobreza está a crear en todo o planeta.

Porque se queremos favorecer e impulsar a economía real, a cal, é a que ditamina a calidade de vida das persoas, cómpre mudar a un sistema de consumo, no que démoslle prioridade os produtos locais e ao pequeno comercio. Comprando produtos locais, estamos a favorecer a economía das nosas localidades, xa que, potenciamos a riqueza propia do lugar, fomentando e impulsando con isto a creación de postos de traballo na localidade e facendo que os diñeiros queden na súa maior parte nos circuítos locais, xerando isto a súa vez, máis emprego, máis riqueza nas nosas comarcas. Ademais consumir mercadorías locais, supón diminuír a pegada de carbono na atmosfera, xa que, son produtos que apenas viaxan, co cal, non veñen empapados en petróleo. Ao mesmo tempo, consumir nos pequenos comercios, ademais dos beneficios que acabo de sinalar, supón dinamizar os nosos barrios, as nosas cidades, xa que, estes son fundamentais na vitalidade dos mesmos, ademais de funcionar como acadantes de recursos, das diferentes administracións públicas. Naqueles barrios onde hai un comercio pequeno forte, existe tamén maior vida nas súas rúas, maiores espazos verdes, son barrios mellor inter-conectados cos centros das cidades, son barrios que teñen menores taxas de delincuencia (da pequena, da que soa, claro está) etécetera. Xunto con estas vantaxes, existen outras que moitas veces pasamos por alto, como por exemplo, que consumindo local sabemos que tipo de condicións laborais teñen estas traballadoras, unha parte importante das cales son elas as súas propias xefas e empresarias. Ademais os produtores locais, como os pequenos comercios, non puxeron nin están a por moitos problemas, en temas como por exemplo o uso de plásticos, a diferenza das grandes superficies, as cales, están a someter presión aos poderes públicos, para que non se prohiban de todo, supoñendo isto un alto custe medio ambiental, un alto custe para a nosa saúde, un alto custe para o noso peto, e sobre todo, un alto custe para as xeracións vindeiras.

Xa para rematar, agora que comenza un ano novo, é preciso que mudemos a nosa forma de consumir, usando a cabeciña a hora de elixir onde imos facer o noso gasto e en que o imos facer. Deste xeito, conseguiremos co noso consumo, seguir creando riqueza real nas nosas localidades e nas clases traballadoras, simplemente apostando polos produtos locais e polos pequenos comercios, os cales levan connosco toda a vida.  



asdo: Miguel Anjo Gónzalez García


Nota: Os opinións publicadas nos artigos do blog da Sociedade Cultural Medulio son responsabilidade dos autores dos mesmos 

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário