image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

MENOS COCHE, MAIS MOVEMENTO


Fai uns meses as científicas expertas no cambio climático da ONU, avisaban de que o Acordo de París para loitar contra o quecemento do planeta quedábase pequeno, xa que, aínda que o cumprísemos, a temperatura no planeta subiría un mínimo de 3.5 ºC. Segundo as expertas termos que multiplicar por cinco as reducións de gases de efecto invernadoiro nos próximos anos e non esperar ata o 2050, para conseguir as 0 emisións de GEI (Gases de efecto invernadoiro).

É indubidábel que os cambios que nós, o 20% da humanidade temos que facer son numerosos e afectan a maior parte do noso xeito de vida. Desde a alimentación, o consumo, o noso ocio ou o transporte entre outros, terán que ser na súa maior parte diferentes, se queremos que as próximas xeracións teñan unha vida cando menos normal no planeta. Con certeza que o cambio climático está connosco xa desde fai anos e nos próximos anos notarémolo aínda máis. Agora ben, está nas nosas mans mitigalo todo o que sexa posíbel. E unha bo xeito é empezando por noso modo de movernos.

O transporte por estrada é responsábel do 75% dos GEI devidos ao transporte e destes, o 40% é por mor do transporte urbano. O uso do vehículo particular por parte da cidadanía do mal chamado primeiro mundo e parte dos países do segundo, está a contribuír de xeito importante ao quecemento do planeta. A falsa idea de que ter coche é sinónimo de liberdade, de independencia, de status social cando isto último non se mira polo feito de ter coche e máis que dar liberdade o que fai é quitala, debido a dependencia del, aos problemas do tráfico, aos problemas a hora de aparcar, etcétera, fixo que a maior parte da xente, aspire a ter coche xunto que, todas as infraestruturas, os modelos de cidade ata agora, estean pensados para o vehículo particular a motor.

Máis isto en moitos países europeos está a empezar a cambiar. Cada vez máis países Holanda, Alemaña, Dinamarca(este último xa desde fai anos) etcétera, están a adecuar as súas infraestruturas para que a cidadanía poda levar unha mobilidade sostíbel desde o punto de vista medio ambiental e ao mesmo tempo saudábel. Incluso na Galiza termos o exemplo de Pontevedra, como cidade baixa en emisións de GEI, cidade ao servizo do peón, no do coche, o cal, valeulle para levar numerosos premios internacionais e ser recoñecida como cidade saudábel en medio mundo.

Movernos a pé, en bicicleta ou transporte público supón beneficios de todo tipo e aforro de moreiras de cartos públicos, os cales, soen dedicarse a facer novas infraestruturas para o vehículo a motor particular ano tras ano, debido o aumento do uso deste. Moverse de xeito sustentábel medio ambientalmente e tamén de maneira saudábel, supón beneficios non so para quen o realiza, senón tamén para toda a comunidade, xa que, quen se move a base do exercicio físico, demanda menos produtos socio sanitarios e farmacolóxicos, menor destrución do medio ambiente para construción de infraestruturas para o coche etcétera. É dicir, menos recursos públicos ao servizo do transporte de motor privado.

En definitiva diferentes asociacións medicas do estado español están a avisar, que por mor da contaminación dos vehículos a motor fundamentalmente particulares, perto de 40 mil persoas morren todos os anos no estado español. Isto é un prezo que non podemos nin debemos asumir e está nas nosas mans, buscar outro xeito de mobilidade, quer sustentábel co medio ambiente quer saudábel desde o punto de vista físico e psicolóxico. E para iso termos tres grandes aliados as camiñadas, a bicicleta o outras variantes, as cales, son ideais para movernos na nosa comarca onde non existen as distancias, xunto co transporte público, o cal, ademais de ser sustentábel coa natureza, ten a singularidade de que nos fai a todas por iguais.

                                                   “Camiñar é a mellor menciña do home” Hipocrates

  asdo: Miguel Anjo Gónzalez García


Nota: Os opinións publicadas nos artigos do blog da Sociedade Cultural Medulio son responsabilidade dos autores dos mesmos 

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário