image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

UNHA EVOCACION con VERADE E SENTIMENTO: CARVALHO CALERO

 
O acto de lembranza da persoa e a obra de Carvalho resultou unha preciosa e moi útil aproximación. Comezou cun seu poema, musicado e cantado por Xoán Padín e Alberte L. Porta, que foi rubricado por aplausos intensos. A seguir, Xosé R. Freixeiro debullo a obra de Carvalho como lingüista, deténdose en especial na elaboración da Gramática do Galego Común, e as dificultades e incomprensións que tivo que vencer para levala adiante. 
 
Quedou claro que a concepción da lingua galega de Carvalho distaba moito dos criterios puramente dialectais e, sobre todo, dos que pensaban que non pagaba a pena semellante empresa. Pilar García Negro puxo en evidencia a digna posición do profesor Carvalho, mantendo os criterios do nacionalismo galego, da tradición filolóxica, respecto da unidade do galego e do portugués, da necesidade de telo en conta en calquera aposta normativa e normalizadora. 
 
 
Nesta liña, Carvalho foi, ademais, un pioneiro denunciando as falacias do estado das Autonomías por continuar sendo na práctica un Estado centralizado e as escasas posibilidades que a legalidade en materia de cooficialidade de linguas daba ás que non eran o español para poder vivir normalmente nelas e con elas. Son linguas para obxectores de conciencia, que só poderán facer pleno uso delas na intimidade. Ao fío das intervencións foi quedando claro que, ademais, Carvalho Calero foi o máis eminente crítico e historiador da literatura galega, sendo a súa Historia desta literatura un cumio sen parangón respecto das que se facían na época para a literatura española. 
 
Finalmente, Pilar Pallarés detívose na valoración de Carvalho como poeta, faceta que el consideraba a súa máis xenuína. Malia a aparencia de poeta raro e estraño, Pallarés explicou que era un poeta moi vinculado ás circunstancias tráxicas, monstruosas e difíceis que lle tocou vivir historicamente, mantendo unha racionalidade constante para reconducir a perplexidade, incomprensión ou impotencia do home para vivir nesta terra como un verdadeiro paraíso.
 

Para rematar, novos poemas musicados e cantados por Padín e Porta, que foron merecidamente compensados con longos aplausos. Non faltaron as preguntas do público, vivamente interesado por todo o que acababan de ouvir. Desde logo, quedaron claros cais son os motivos que levan a institucións oficiais como a RAG a negarse, de forma reiterada e penosa, a dedicarlle ao profesor Carvalho Calero o Día das Letras Galegas, e a grave inxustiza e desconsideración que só poden cometer os que non queren ver nin a lingua nin o país con dignidade e a normalidade política, cultural e lingüística que necesita.

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário