image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

INFORMACIÓN CRUCIAL SOBRE UN TEMA VITAL PARA GALIZA

 
Nun seminario seguindo o método preguntas respostas, Xosé Díaz foi debullando como afectaba o actual sistema de financiamento das Comunidades Autónomas a Galiza e o grave e sintomático que resultaba que, sendo perxudicial para os nosos intereses, fose avalado por todos os partidos de ámbito español sen excepción no Parlamento autonómico. O caso é para eles adherirse á tese de Galiza vivir de España, non termos capacidade e, polo tanto, acreditar en que a capacidade fiscal de Galiza é a que di ter o actual sistema, unha porcentaxe (arredor a metade dos impostos que soportamos, e non o 100% que pagamos). 
 
Unha ficción para crear a idea de que podemos manter a sanidade, o ensino e os servizos sociais grazas á transferencia de diñeiro solidario que o Estado achega. Tamén quedou clara a diferenza cualitativa entre o sistema de concerto e o sistema xeral, isto é, o que teñen Euskadi e Nafarroa e o que teñen o resto entre elas Galiza, pois, no primeiro caso, hai autonomía fiscal (cobran elas todos os impostos) e, polo tanto, poden dedicar o diñeiro ao que lles pareza necesario, mentres, no segundo, non cobran elas os impostos, son meras receptoras das partes cedidas, e nolo transfiren, fundamentalmente, con destino establecido, conforme ao criterio de canto é o custe do servizo transferido, sempre por debaixo do seu custe real. 
 
 
O primeiro modelo é propio da consideración real de seren unha nación, pois teñen soberanía fiscal, malia non as recoñezan como tais; o segundo é propio da consideración de rexións, pois non posúen esa soberanía. Non deixou tampouco Xosé Díaz de explicar por que resultaba discriminatorio para os concellos galegos o modelo de financiamento das corporacións locais: a ponderación do peso das distintas variábeis que se empregan non teñen en conta de forma importante as variábeis de dispersión e envellecemento, por exemplo, primando o número de habitantes. Galiza ten máis da metade dos núcleos de poboación de todo o Estado español. Naturalmente a dotación de servizos con esta estrutura poboacional é máis custosa.
 
Tendo presente que se aveciña unha negociación para reformar o sistema denominado xeral, pendente desde hai case cinco anos, resulta penoso que a Xunta, e con ela todos os partidos españois, se teñan aboado ao criterio do silencio, non presentar claramente cais son as súas aspiracións e sancionar simplemente o que o Goberno queira facer, en nome de que non podemos nin temos capacidade, á vez que, iso si, sen maiores explicacións e coñecemento de causa da realidade, deosten un sistema de concerto para Galiza, como de Euskadi, argumentando que, contra toda evidencia, de que sairíamos perdendo. Iso si eles e os seus economistas nunca estudaron a capacidade fiscal de Galiza nin as consecuencias do actual sistema para nós. Porén alíñanse coas teses do Ministerio de Facenda con indignidade, seguidismo e espírito suicida. A Sociedade Cultural Medulio agradece ao economista Xosé Díaz, o único que estudou con rigor e obxectividade esta cuestión, non seguindo as pautas da propaganda ficiional, a súa disposición a explicar estas cuestións que tanta transcendencia teñen para o noso benestar social, mentres se mantén a sociedade galega na ignorancia ou na manipulación sobre elas.

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário