image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Dar a coñecer a historia de Galiza

Está no empeño de Medulio dar a coñecer a historia de Galiza, a comezar pola Idade Media, tan ignorada de todos nós, excluída do sistema educativo e agochada e deformada nos respectivos estudos universitarios. A este propósito responderon tres das nosas últimas actividades; a excusión a Moeche con visita ao seu castelo e explicación tanto das súas características como da súa contorna política e social no século XIV; a presentación polo seu autor, Anselmo López Carreira, da Historia de Galicia, e a palestra sobre Ferrol, vila medieval no reino de Galiza, coa participación dos especialistas, Margarida Sánchez Yáñez, e Alexandre Pérez Vigo. 

Anselmo López Carreira na presentación de Historia de Galicia
Na presentación do libro de Anselmo López Carreira, perante máis de 40 persoas, após a súa intervención sobre os criterios historiográficos empregados e a fundamentación das súas análises, especialmente suxerentes, novedosas e contundentes para todo o período medieval, debateuse sobre a adecuación de marbetes como provincialismo ou rexionalismo para se referir e dar conta cabal de fenómenos ideolóxicos, culturais e literarios do século XIX, e sobre a aparición do nacionalismo como tal.

Margarida Sánchez Yáñez e Alexandre Pérez Vigo na súa intervención
Na palestra do día 13 de novembro, perante unhas 90 persoas, o coloquio aínda foi máis diverso en participación e provocou que moitos asistentes se interrogasen, con preocupación, sobre a nosa ignorancia, sobre a nosa falta de información, de memoria histórica sobre Galiza, e o papel crucial das institucións neste ocultamento, e a necesidade de acabar con este estado de cousas. Fronte á vulgar opinión, cimentada na propaganda oficial, de que Ferrol é unha cidade da Ilustración, ficou clara a súa existencia como importante vila medieval desde Afonso VIII, rei de Galiza, con xurisdición real, e adicación ao comercio atlántico, como tantas outras vilas costeiras, A Coruña ou Ribadeo, por exemplo: Tamén resplandeceu o papel de Galiza na Guerra dos Cen Anos e a súa aposta por Pedro I fronte a Enrique de Trastámara, a nosa alianza con Portugal e Inglaterra, e o papel da nosa comarca entón. Moitas foron as evidencias que se manifestaron ao longo da palestra, que viñeron subliñar a necesidade de seguir por este camiño: coñecemento do noso patrimonio histórico e artístico e vinculación ao mundo político, social e económico de nós que lle deu vida. 

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário