image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Medulio reclamou o sábado 23, ás 12 da mañá, a carón da Fundación de Nova Galicia Banco que o patrimonio artístico das antigas caixas sexa de titularidade pública e para desfrute social. Asina o manifesto


Froito do traballo e do esforzo de miles de galegas e galegos que depositaron os seus aforros nas caixas galegas, estas, cumprindo só unha pequena parte da súa obrigada función social, foron capaces de acumularen unha colección de obra plástica e de inmóbeis que representan grande parte da nosa creación artístico-cultural desde finais do século XIX até os nosos días. 

Este patrimonio mostra o alto nivel que o pobo galego acadou na expresión artística, e conforma a nosa historia e a nosa identidade colectiva. Tamén constitúe un activo económico que as galegas e galegos xa pagaron cunha mínima parte das ganancias producidas polos seus cartos, cando non con eles directamente (accións preferentes); ademais ten capacidade de xerar ingresos cunha exhibición e xestión acaída.

Aínda que a declaración destas obras como Ben de Interese Cultural é unha medida positiva, non é suficiente para evitar a súa venda, privatización, disgregación ou saída de Galiza. Así, privatización das caixas galegas pode provocar o espolio e a deslocalización  deste ben propiedade de todo o noso pobo.

A Xunta de Galiza ten a obriga legal e moral de velar pola integridade, conservación, posta en valor e rendemento económico deste patrimonio e de evitar por todos os medios o espolio desta riqueza agora en mans de Novagalicia Banco.

Alertamos á sociedade galega sobre este feito e chamámola a defender a súa lexítima propiedade e o seu dereito a desfrutar desta obra artística, esixíndolle á Xunta de Galiza que de inmediato tome todas as medidas para que :

  • A totalidade do patrimonio artístico das antigas caixas de aforro sexa de titularidade pública.
  • Manter a sede deste patrimonio en Galiza.
  • Garantir a súa visitabilidade e acceso polo público.
Galiza, 21 de outubro de 2013

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário