image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Celebrouse con gran suceso e aceso debate a palestra sobre “Crise do réxime e mudanza constitucional”


Como estaba previsto, celebrouse a palestra sobre “Crise do réxime e mudanza constitucional”, organizada pola Sociedade Cultural Medulio, o día 4 de Nadal, ás 20 horas, na Escola Oficial de Idiomas. Perante un público que ateigaba o local, con xente de pé, os relatores expuxeron, durante algo máis dunha hora,  as súas análises e alternativas. En primeiro lugar, falou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, quen subliñou a complicada situación de Galiza dentro do marco do Estado español e da UE, que só poderá ser superada se o pobo galego defende a súa capacidade de decidir. Considerou que, para iso, o principio de autoorganización, a todos os niveis, resulta básico, pois non hai outra forma de configurar un suxeito colectivo, nestes caso da clase traballadora, con vontade para defender os seus intereses. Exemplificou como a existencia da CIG logrou algo tan elemental como a existencia de convenios colectivos a nivel do país. 

Seguidamente tomaron a palabra Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, Manuel Pazo, en representación de Anova, Joám Péres Lourenzo, en nome de Causa Galiza, e Bruno López, en nome de Nós-UP.  A representante do BNG fixo unha análise da globalización imperialista e de como as institucións europeas e as do Estado español están ao seu servizo para executar unha política  de consecuencias  devastadoras para Galiza, comezando pola destrución dos seus sectores produtivos estratéxicos. Explicou como o proceso de recentralización en curso non era máis que a manifestación da concentración do poder político e económico e por que a vía autonómica estaba esgotada como camiño para chegar a un Estado plurinacional, construído desde o exercicio da soberanía das distintas nacións. Finalmente, dixo que, para o BNG  a crise do actual réxime debía ser aproveitada para defender un proceso constituínte propio de Galiza que desembocase nun Estado Galego republicano e laico, que decidiría, de querelo así, a súa forma de integración nun marco ibérico ou europeo. Manuel Pazo, de Anova, considerou que o seu grupo aínda non tiña un acervo político ben definido, pois había moitos interrogantes que a asemblea a celebrar no mes de xaneiro estaba encargada de responder. A través dunha análise de como foi o proceso de transición da ditadura franquista ao actual réxime democrático en crise puxo de manifesto como se necesitaba un modelo antitético, democrático, de diálogo e participación social entre diversas sensibilidades e correntes, de suxeitos múltiples, que deberá ter en conta non só marco galego, senón español e europeo. Joám Péres, por Causa Galiza, alertou do contraproducente e errado que era establecer unha dicotomía entre loita nacional e loita de clases, como facían algúns sectores para xustificar que a cuestión social debía ser prioritaria neste momento. Concordou coas intervencións precedentes en que había unha crise económica e institucional perante a cal só cabía unha posición rupturista por parte de Euskadi, Catalunya e Galiza, pois non hai a mínima vontade de asumir ningunha das súas reivindicacións. Soberanía, independencia, Estado propio deben ser defendidos sen o menor rubor ou tabú. Finalmente, denunciou como a proposta federalista dalgúns partidos españois non era máis que unha nova forma de marear a perdiz. Bruno López, por Nós-UP, partiu da constatación de que viviamos nun protectorado de Berlín, Bruxelas e Whasingthon, dentro dun marco capitalista que só podería ser correctamente contestado desde  unha alternativa socialista nidia. Confiou en que o pobo galego traballador non se ía deixar arrastrar por España ao abismo e subliñou a necesidade de convocar folgas de maior duración para realmente ter consecuencias políticas.

Desde o público formuláronse cuestións relativas a como a crise non só non debía relativizar a importancia do problema nacional senón facelo ver como unha parte determinante da solución. Avogouse pola urxencia de erguer unha ampla plataforma social e política de defensa do dereito a decidir na Galiza, conforme á situación da conciencia nacional. Houbo voces a favor da unidade do nacionalismo e provocou especial controversia e crítica a formulación da necesidade de unidade en candidaturas electorais coa esquerda española. As persoas asistentes, que seguiron con especial interese as intervencións e o debate posterior, comentaban ao final do acto a importancia deste tipo de palestras, confiaban en que non sería a última e lamentaban que o debate non puidese continuar polo avanzado da hora e a obrigatoriedade de abandonar o local. 

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário