image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Camilo Nogueira: “O Tribunal Constitucional Español violou a soberanía popular, de forma ostentosa, na súa sentencia sobre o Estatut”



Como estaba previsto, tivo lugar a presentación do libro “Para unha crítica do españolismo” polo seu autor nun acto organizado pola Sociedade Cultural Medulio, o día 20 de novembro, ás 20 horas no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. Perante máis de cincuenta persoas, Camilo Nogueira foi debullando o contido do seu libro, comezando polo último ensaio que leva por título “O intérprete supremo”. Subliñou a gravidade do feito de o Tribunal español violar, coa súa sentencia, a soberanía popular, expresada no referendo do texto do Estatut polo pobo catalán, e mesmo recortar  o xa limado e reducido texto peneirado polas Cortes, segundo a legalidade vixente, depositaria da soberanía española. 

Con estes antecedentes, que acabaron mesmo coa consideración política de Catalunya ser unha nación, Camilo Nogueira explicou que non era difícil de entender a evolución da sociedade catalá a favor da independencia do seu país. A intolerancia e intransixencia do Estado español fica aínda máis en evidencia cando se produciron transferencias de soberanía á Unión Europea sen modificar para nada a Constitución Española, a comezar pola adopción da moeda única. A reforma da actual Constitución nunha dirección plurinacional, a mudanza de legalidade, será só posíbel, pois, se é imposta democraticamente desde as nacións. O impulso da capacidade de decidir, incluída a saída independentista, é a única posibilidade de mudanza real, segundo o autor. 

Asemade, en referencia a outros capítulos do libro, explicou como, na historiografía e na política, Catalunya é  apreciada ou tida en conta na súa  diferenza, por máis que non sexa recoñecida. Mentres Galiza é negada, séndolle  moitos séculos da súa historia  atribuídos a Castela. Argumentou como a idea de España nación foi construída no século XIX e o papel nesta creación de historiadores como Modesto Lafuente. Menéndez Pidal ou Sánhez Albortnoz, especialmente anuladores de Galiza. Non deixou de aclarar a impostura que se facía da cuestión nacional na Constitución española de 1978 e denunciou como os historiadores da democracia, como Junco o Juliá, por exemplo, chegaban a recoñecer o feito nacional e o nacionalismo catalán, pero eran cegos perante o galego.


Ao rematar a intervención de Nogueira, abriuse un coloquio no que varios asistentes formularon cuestións que reincidiron no tema da importancia da capacidade de decidir, non só para Catalunya senón tamén para Galiza. Outros temas foron a visión que predominaba hoxe en Portugal sobre Galiza e as consecuencias da ausencia dunha burguesía nacional para o noso país.

Finalmente moitos dos asistentes achegáronse ao autor para este lles asinar o libro. 

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário