image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

MENOS CARNE-MÁIS SAÚDE-MÁIS PLANETA.


Desde mediados do século pasado, as galegas case triplicamos o noso consumo de carne, sendo isto non só un problema medioambiental, senón tamén un problema para a saúde da poboación. Aínda que no caso galego, non chega a ser como nos EUA, a cría de carne na maior parte do planeta é de xeito estabulado, sendo isto o verdadeiro problema medioambiental do consumo de carne vermella. Se xuntásemos todas as reses do planeta, teríamos o terceiro país máis numeroso da Terra. A necesidade de soia e cereais para facer os pensos deste gando, está a levar a deforestar grandes extensións de bosques primarios, sobre todo no Amazonas e no Sueste asiático. Isto está a contribuír de maneira importante ao caos climático, ademais de estar a encher o medio ambiente de agro-tóxicos e demais sustancias químicas. Non só no cultivo dos cereais para a produción destes pensos, senón tamén, para poder ter gran número de animais ateigados en espazos reducidos. Segundo Veterinarios sen Fronteiras por cada catro filetes de carne vermella que comemos procedente da gandería intensiva, estamos a tomar case 400 mg de antibióticos.

Xunto a isto, o consumo de carne vermella de xeito habitual, está a producir multitude de problemas de saúde á cidadanía supoñendo isto un gasto sanitario, quer farmacéutico quer médico, moi elevado na Galiza. O consumo diario de carne vermella está asociado a problemas de azucre na sangue, a problemas cardiovasculares, a problemas de cancro sobre todo colo-rectal e tamén ultimamente, o consumo de carnes procesadas, está asociado a determinadas enfermidades dexenerativas como demencias, Párkinson ou Alzheimer.  Se seguísemos os consellos de determinadas organizacións médicas da Galiza e consumísemos a carne como eles ditaminan, teriamos varios milleiros menos de casos de cancros e tamén multitude menos de casos de persoas con problemas co azucre na sangue.

Por todo isto é fulcral, que reduzamos o consumo de carnes vermellas en xeral, mais sobre todo as que proveñen da gandería intensiva. Hoxe en día na maiorías dos nosos barrios xa empeza a haber quer cooperativas cidadás de consumo quer tendas ecolóxicas, que poñen a nosa disposición poder mercar carnes procedentes da gandería extensiva e certificadas con selos de gandería ecolóxica de orixe galega. Mais cómpre que a cidadanía volva comer como facían as nosas maiores, antes do boom da carne e comezásemos de novo: mesturar legumes, aumentar o noso consumo de verduras e froitas, a ser posíbel de orixe local, obter a proteína de cereais, ovos e peixes que proveñan da pesca artesanal. Para deste xeito, mellorar a nosa saúde, mellorar a nosa xenética, diminuír a depredación e a contaminación dos ecosistemas naturais e na cal deixaremos un futuro con futuro, valga a redundancia, ás xeracións vindeiras.

                                                                        MIGUEL ANJO GONZÁLEZ GARCÍA

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário