image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

MEDULIO, Sempre con CARVALHO CALERO




Na segunda quincena de xuño, a Sociedade Cultural Medulio realizará un acto público ao ar libre para honrar a persoa e a obra de Ricardo Carvalho Calero, do que daremos conta detallada a fins deste mes. Neste acto será, entre outras actividades, presentado un caderno con diversos traballos sobre a súa obra e traxectoria. Hoxe damos como primicia a coñecer o elaborado por quen era a presidenta da Medulio, Delia Vázquez,  cando a nosa sociedade organizou unha homenaxe ao noso compatriota, o primeiro que se lle fixo estando vivo. Leva por título LECCIÓNS DE DON RICARDO.  Sirva como manifestación pública, nestas circunstancias, da nosa identificación co seu ideario e como agradecemento polas súas ensinanzas e comportamento, que tanto nos axuda aínda hoxe.

                                            LECCIÓNS DE DON RICARDO

Pasou ben tempo desde aquela homenaxe que a Sociedade Cultural Medulio dedicara a D. Ricardo Carvalho Calero, xusto após a xubilación. Unha tríade de actividades arrancaba, no outono de 1981, cun ciclo de conferencias que el cerraba na Aula de Cultura da desaparecida Caixa de Aforros da rúa Galiano; proseguía en 1982, coa edición dun caderno que recollía estas palestras, amais doutras colaboración de antigas alumnas e alumnos e de destacados artistas ferroláns; e remataba coa descoberta da placa na casa natal. Hai, a meu ver, elementos salientábeis nesta homenaxe ao profesor. En primeiro lugar, o seu carácter pioneiro e oportuno: un recoñecimento en vida, nun momento en que comezaba a ser notorio o ostracismo a que o condenaba o establishment. Tamén o caderno, o primeiro estudo -creo- que, se ben modesto, considera a obra de Carvalho na variedade en que se expresou; unha obra, dito sexa de paso, que ía dar títulos absolutamente culminantes ao longo daquela década. Canto á placa da fachada, a cuxa descoberta asistiu acompañado de Dna. Ignacia,  foi e continúa a ser o único sinal de identidade dunha casa hoxe en ruínas. Importa lembrar este acto pois é a terceira vez que leo nalgún medio  “la casa donde se supone que nació”… O dado de que el estivo presente debe abondar para despexar estas suposicións.           
 Sempre me magoou un pouco o pensamento de que unha das inxustizas que lle tocou vivir a D. Ricardo (esta non a mantenta) foi a total ignorancia que as súas alumnas e alumnos, cando menos nas primeiras promocións, tíñamos acerca da nosa historia e, por tanto, da relevancia do noso profesor. Por iso,  cando en Medulio acordamos facerlle esta homenaxe que, como nacionalistas,  era de xustiza, a miña satisfacción foi grande porque contiña, a maiores, a íntima raíz de querer compensar dalgún xeito aquel “agravio” involuntario. Son proverbiais as súas cualidades docentes: a extremada corrección, a excelencia das súas exposicións, o extraordinario coñecimento da Literatura (non só a galega), a emoción contida con que transmitía os textos literarios, o seu saber enciclopédico... Alén diso, aquelas aulas tiveron para min unha atmosfera mui apracíbel. En canto galegofalante non sentín, como teño escoitado a algunha persoa, que a lingua por el empregada fose artificiosa. Aínda sendo naquel tempo, evidentemente, unha diglósica típica, o reencontro co galego nun ámbito tan diferente resultábame agradábel. O meu idioma familiar e local saía do limbo da inexistencia e permitíame ver que algo, para min tan natural, tiña validez. Estrañábame, polo contrario, que alguén se  atoase cun díxollo ou outras construcións deste xénero.
Mais o valor das súas leccións non ficou na sala de clase, senón que continuou e foi a máis co tempo. Fun tomando conciencia desa realidade ao paso que ía corrixindo outras impresións xestadas naqueles tres anos (1969-1972) de estudante de Filoloxía Románica (sección de Español) en que acudía, como o conxunto do alumnado, ao departamento de Filoloxía para realizar algunha práctica. Neste departamento, núcleo do nacente Instituto da Lingua Galega, había profesores favorábeis tamén ao galego que traballaban sobre el. O noso labor consistía en facer fichas de diversos contidos (léxico, gramática), tomadas de obras literarias xeralmente; recoller realizacións orais da lingua dunha zona; cubrir cuestionarios, documentados, naturalmente. Aquel traballo, sen dúbida valioso, tiña para min un ar científico e moderno, impresións que as aulas de D. Ricardo, de  teor clásico e serio, non me producían. Andando o tempo, nalgunha conversa (sempre tan cariñoso con quen fóramos alumnas ou alumnos del), puiden observar, porén, a modernidade do seu pensamento e como nada lle era alleo: temas sociais, cinema, moda, etc.    
A mudanza do marco político, case coincidente coa última etapa da súa vida,  ía abrir, sob o rexime autonómico, un campo novo a respeito do galego. A longa controversia  motivada polo alcance das cuestións en xogo: o presente e o futuro do idioma, ía pór de relevo que tamén a bagaxe científica de D. Ricardo era sobranceira. Na verdade, esta capacidade tíñaa máis que demostrada (Gramática, Historia da Literatura, etc., etc.), só que eu era incompetente para o apreciar. Nos innumerábeis artigos e estudos que dedicou ao tema lingüístico naqueles anos, a importancia do marco teórico, dos criterios de observación e análise na área da investigación fíxose patente dun xeito especial. Como el afirma, a lingua non é “un aerólito isolado”, está ancorada nunha sociedade e ten as vivencias desa sociedade. O galego, que xa a lei fai accesorio  ao non exixir o deber de o coñecer -advirte con razón-, subsiste nun estado de “obxección de conciencia”, cun uso tolerado (e nin sempre), lonxe do vigor dunha verdadeira lingua oficial. A historia do galego é “unha historia clínica” a partir do momento en que o seu dominio lingüístico queda dividido entre dous estados, con sorte ben diferente ao sur do Miño e ao norte, onde a imposición dunha estrutura administrativa castellana suplanta o idioma orixinario coutando o desenvolvimento normal deste. De non termos en conta estes condicionamentos, de validarmos acriticamente a lingua falada nun contexto de desleixo para coa lingua propia e cunha presión do español esmagadora, cantos castellanismos e vulgarismos non se poden facer canónicos por seren a forma máis usada?    
Estes e máis outros argumentos esmiuzados nas súas análises debatíanse na altura; foron e son pertinentes para o estabelecimento dunha norma (e non só) que enfrontou o reintegracionismo, defendido por el na teoría e na práctica, coa corrente oficial, baseada nas propostas da Academia e do ILG. Ora ben, o debate lingüístico alárgase porque atinxe a propia concepción do idioma e o futuro que proxectamos con el e para el;  nisto insistía o profesor, mesmo pondo  nome ás cousas. Dun lado está o neorrexionalismo, dominante, que acepta a subordinación do galego ao español e non cuestiona o statu quo actual; doutro o nacionalismo, que reivindica unha política lingüística que estenda a presenza e os usos do galego, isto é, a súa normalización. D. Ricardo nunca puxo por diante a carreira persoal, o albo da súa atención foi sempre cubrir as carencias que arrastraba a cultura do país e dar a resposta máis adecuada ás cuestións suscitadas; logo, nesta conxuntura, botando man de enfoques de carácter histórico, normativo, sociolóxico, político, defenderá con denodo a normalización do galego. Para el, esta normalización debe procurar a restauración progresiva do idioma, tanto nas formas que lle son propias (entre elas a ortografía), para o reintegrar no seu sistema: o galego-portugués, como no uso, para o facer audíbel e visíbel en todos os ámbitos da sociedade.          
A dignificación dunha cultura cuxa alma é a lingua, non familiar no seu caso, senón escollida “porque o galego é Galiza”, foi un esteo tan firme na súa vida que nin despois de padecer a dura entraña da Historia de España renunciou a tal obxectivo. Racionalista de elevada intelixencia, sensíbel desde mui novo aos problemas sociais e aos problemas estruturais de Galiza (xa antes de militar no Partido Galeguista), non quería “soñar no leito das utopias”, sabía que non é posíbel modificar o pasado, mais si orientar o futuro. Que o saber derivado do seu traballo e da súa actitude non fique no baldío. É o afán desta ollada a través do tempo.  

Asdo: Delia Vázquez   

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário