image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

XORNADA DE CONVIVENCIA E APRENDIZADO NO CASTELO DE MOECHE



Grazas á colaboración do Concello de Moeche, e en particular  da súa alcaldesa Beatriz Bascoi, a Sociedade Cultural Medulio puido organizar, o sábado 16 de xuño, unha xornada de duplo interese, xeolóxico e histórico, sobre a xeomorfoloxía da zona e sobre os castelos medievais da Galiza desde o reino suevo até os irmandiños. Na xornada da mañá, unha vez que a alcaldesa deu a benvida aos participantes, o xeólogo Francisco Canosa, andando sobre o terreo, deunos unha magnífica información sobre as orixes da conformación e estrutura xeolóxicas da zona de Ortegal, única no mundo na súa peculiaridade. Dedicou especial esmero para entendermos a composición do toelo, xenuína rocha da zona, e as súas orixes, con demostracións prácticas e empíricas  ao respecto. Ó seu rigor e didactismo, ademais do seu entusiasmo, foron premiados por aplausos ao rematar a excursión polo monte que durou case tres horas.
 
  
Após un xantar de boa cociña caseira, xa ben pasadas as catro da tarde, dentro dunha das salas do castelo, tivo lugar a palestra de Carlos Lixó, investigador de Universidade de Santiago, sobre os castelos medievais. De novo o didactismo e o entusiasmo acompañaron, desta vez as análises históricas do conferencista, que tamén foron premiadas con aplausos e participación no coloquio.
 
 
Lamentabelmente, un resfriado agudo impediu que Alexandre Péres Vigo pronunciase a súa palestra sobre os símbolos do reino medieval da Galiza. Porén, a alcaldesa, Beatriz Bascoi, propuxo que no mes de outubro se puidese facer, no mesmo marco, dentro dunha programación do Concello, tendo en conta o seu interese para a posta en valor e correcta contextualización histórica do castelo de Moeche.
 
A Sociedade Cultural Medulio agradece todas as facilidades que o Concello nos deu para celebrar estas xornadas e, por suposto, a participación nelas, como relatores, de forma totalmente desinteresada, de Francisco Canosa e Carlos Lixó. 

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário