image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

IBARRETXE CAUTIVA AOS ASISTENTES Á SÜA PALESTRA

 
Malia a férrea censura que os xornais La Voz de Galicia e Diario de Ferrol empregaron para silenciar o acto en que interviú Juan José Ibarretxe no 13 de xuño ás 20 horas no Antigo Hospicio, o público abarrotou o local, O conferencista, empregando un método moi didáctico, a procura de proximidade á xente e cunha carga emocional por debaixo dos dados e cifras ilustrativas, logrou manter unha engaiolante atención nos asistentes. 
 
O obxectivo principal foi demostrar que, no actual mundo global, só é merecente de atención e considerado como existente, aquel pobo que aparece na escena mundial por si mesmo grazas a contar cun Estado propio. Por iso desde comezos do século XX até hoxe, o número de Estados non fixo máis que aumentar, pois numerosas nacións negadas chegaron a ter conciencia de que debían  decidir por si mesmas ou estaban condenadas a desaparecer. Subliñou que este dilema tíñano, malia as diferencias que a nós, os galegos e galegas, nos pareza existir entre a nosa situación e a de vascos e cataláns, as tres nacións. 
 
Hoxe por hoxe, dixo, ninguén mira para elas, non existen no mundo... Fixo asemade unha incisiva denuncia do grave que era a dependencia mental, a idea de crer que non somos nada por nós mesmos, que non valemos nin temos capacidade de existir por nós propios, porque só servía para manternos na intimidación, no servilismo, na subordinación. 
 
Animou a manter unha corrente social nacionalista, favorábel á idea de Galiza ser unha nación e a capacidade para decidir por ela mesma, con perseverancia e traballo, pois esta si é unha necesidade básica para o pobo galego non desaparecer e ocupar un lugar no mundo. Un mundo que hai que velo e contemplalo desde unha óptica específica, propia, de pobo diferente e desde a nosa lingua e cultura, un valor que marca a diferenza cualitativa que nos fai ser nós propios.

En breve poderá seguirse toda a palestra gravada en video nesta páxina web.
 






Fotos: Miguel Anjo
 

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário