image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

O REINO SUEVO DA GALIZA: 150 anos de historia agochados

Cun tempo en Ourense de claridade suave e tranquila, recorremos os tres espazos dedicados á exposición ilustrativa do que foi o primeiro reino de occidente independizado do imperio romano e o primeiro católico, o da Gallaecia,  Malia ser mellorábel en moitos aspectos, esta exposición rechama tendo en conta a ignorancia que temos sobre o noso pasado medieval, dándonos boa proba do papel central, na orde demográfica, económica, cultural e relixiosa, que a Gallaecia sueva tivo na Península durante os séculos V e VI. 
 
 
O reino suevo foi unha contribución importante para fortalecer a idea de unidade administrativo-política da antiga provincia romana da Gallaecia´. Vendo esta exposición explícase a conversión no reino da Galiza medieval, contraste orixinario e máis importante do mundo cristián en relación co mundo musulmán, após da denominada invasión árabe. Formas de vida, economía, relacións comerciais e moedas, crónicas en latín, arquitectura, escultura, instrumentos de distintos usos, son testemuña dunha sociedade, especialmente das súas clases dirixentes,  e dos conflitos e interaccións que foron moldeando a Galiza. 
 
 
Estamos perante unha demostración do moito que se podía facer no campo de recuperar a nosa memoria histórica como pobo, de canto proveito tiraríamos dun turismo cultural e do coidado e promoción con coñecemento do noso patrimonio cultural e artístico. Mágoa que resulte deplorábel a subordinación e discriminación que se fai co noso idioma. Sempre usado como secundario, e  ilexíbel na información da exposición, e mesmo usando en exclusiva o español para traducir inscricións ou textos latinos, cuxa continuidade histórica sería a nosa lingua máis adiante, pois o único idioma en que creou e falou a nosa sociedade medieval posterior ao século V e VI foi o galego.

Para o final, a tardiña, quedou a visita ao mosteiro de Oseira, unha marabilla, explicado polo frade de quenda con algo máis de vinculación ao mundo artístico e cultural galego da que nos tiñan acostumado (mestre Mateo, barroco compostelán, manuelino portugués...), aínda que coa toponimia deturpada (nada de Oseira) e, por suposto, sen o mínimo dereito a sermos informados na nosa lingua.

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário