image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Alegría, humor, enerxía, gozo e pensamento no día de Rosalía de Castro




A capela do Torrente Ballester encheuse para contemplar e participar do espectáculo recitativo e musical, baseado na obra de Rosalía, que a Sociedade Cultural Medulio ofreceu o día 24 ás 18 horas. Na primeira parte do programa, coa participación de Elia Rico, Ramón Afonzo e Loreto Castro, recitáronse os seguintes poemas de Follas Novas: Soia!, Pelouro que roda, Xigantescos Olmos, A Bandolinata, Decides que o matrimonio, Xan e ¡Para Habana!. De Cantares Gallegos, Un repoludo gaiteiro. Acompañou ao violín, Nélida Santiago, con profesionalidade e habelencia. Deixouse constancia , con dignidade artística e adecuación,  da complexidade, amplitude e transcendencia dunha poesía inigualábel.

Na segunda parte, coas voces de Xoán Padín e Lidia Piñeiro, e o acompañamento musical de Moncho do Orzán (acordeonista), Alberte Maceiras (gaita e percusión), e Nélida Santiago (violín) cobraron vida Daquelas que cantan as pombas e as frores, No ceo, azul crarísmo, Por que miña almiña…, e Vamos bebendo, de Follas Novas. Logo veu Alborada, de Cantares Gallegos, tocada conforme á partitura orixinal e cantada por Lidia Piñeiro, nun exercicio de control vocal e pericia, que asombrou, como pasmou a voz de Xoán Padin, quen rematou o acto cunha receita de Rosalía, moi apropiada para os tempos que corren,  de grande efecto desintoxicador, Probe Galicia…., de Cantares Gallegos

O público participou, encantado, gozou e pediu a repetición de Vamos bebendo e de Probe Galicia, non debes/ chamarte nunca española…A pericia técnica e a vitalidade dos músicos non foi desmerecida polas voces, en solitario ou a dúo, de Xoán e Lidia, senón sublimada. Todos eles, coa súa colaboración desinteresada e o seu esforzo, fixeron posíbel un espectáculo que comunicou o amparo e a vitalidade que a obra de Rosalía de Castro nos entrega.

Unha galería de fotos ilustrativas pode ser aquí contemplada, así como ouvida e contemplada a gravación enteira do espectáculo en vídeo. A vistosa escenografía foi obra de Avelino Castro (tres cadros de referente rosaliano) e de Ladislau da Regueira (imaxes proxectadas)






Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário