image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

UN BUS REPLETO E UNHA EXPERIENCIA ÚNICA



O tempo acompañounos na nosa excursión o día 4 de novembro para contemplar a exposición do Mestre Mateo no Pazo de Xelmírez e o Panteón Real na Catedral. Entre chuvia  e raiolas de sol, na parte central do día e pola tarde, puidemos gozar da arte, do coñecemento da historia e dun ambiente acolledor nunha Compostela, pouco abafada por turistas. Primeiro, percorremos a Praza de Cervantes, antiga do Campo, contemplando a policromía gótica da Adoración dos Reis, que se conserva depositada na igrexa de San Bieito. A seguir, paseo pola Praza de Abastos, chea de vida, de xente, e de diversidade de produtos alimentarios, con parada en San Fiz de Solovio para observar e comparar o tímpano, con policromía descolorida, similar ao anterior. Logo, en dirección á Praza do Obradoiro, á espera de podermos entrar ás 13 horas na Exposición do Mestre Mateo, tal e como se nos dera cita.

Permanecemos uns 45 minutos analizando e explicando as grandiosas estatuas que adornaban as xambas dos arcos de entrada, desaparecidos, ao Pórtico da Gloria, todas elas personaxes bíblicas, profetas para a tradición hebrea, islámica e cristiá: David e Salomón; Abraham e Isaac; Elías e Enoch….e moitas máis pezas menores, pero ilustrativas do moito que desapareceu da fachada da catedral románica de Compostela…

Máis dunha hora levounos ilustrarnos sobre os vultos xacentes dos reis que teñen a súa tumba no panteón Real de Santiago, e os avatares polos que pasaron estes sarcófagos…A raíña Berenguela, esposa de Afonso VII, o Emperador, Fernando II, o seu fillo, Afonso VIII, o seu neto..e  Raimundo de Borgoña ou Fernando Afonso? Isto é, o inicio da familia real á que aludimos, polo tanto o bisavó de Afonso VIII, ou  o fillo deste, e neto de Fernando II? Todo parece indicar que, malia a placa oficial, que o toma por Raimundo de Borgoña, estamos perante Fernando Afonso, morto aos 22 anos, un mozo galego-portugués, por pai e nai, a quen estaba destinado reinar, e continuar a liña estratéxica dos seus antepasados, a reunificación con Portugal, a convivencia co mundo xudeu e islámico, a potenciación dos concellos, vilas comerciais e de artesáns, e a oposición ao hexemonismo castelán…A súa morte facilitou a unión monárquica coa Castela de Fernando III, e o inicio da hexemonía castelán….Até entón o reino de Galiza viviu unha etapa de esplendor que culminou nos reinados de Fernando II e Afonso VIII, co remate do Pórtico da Gloria, o Coro Lígneo, e, por fin, en 2011, a consagración de toda a catedral, nunha formidable cerimonia destinada a pór de manifesto a grandeza, o poder e a  lexitimidade dunha visión cristiá do mundo de aqueles monarcas que sufriron os ataques, descualificacións e pauliñas papais, por consideralos herexes e heterodoxos, polos seus matrimonios en grao de parentesco prohibido e polas súas relacións co Islam e os xudeus. 
Penosa información histórica tanto na Exposición do Mestre Mateo como no Panteón, e na Colexiata do Sar…Os reis son do reino de León…Nin o Reino de Galiza nin Galiza existen para nada….Por suposto, e paralelamente, folletos informativos só en español e inglés, agás previa petición, e tirados da ocultación, e con portada en español (Maestro Mateo), na exposición sobre este director de obras do Pórtico da Gloria….A sensación foi a de sermos estranxeiros na propia patria…Como non había follas de reclamación, todos os membros da excursión decidimos facer unha protesta por escrito e enviala á Fundación Catedral Santiago de Compostela.

Xa, entre lusco e fusco, contra as 18 horas, de regreso a casa…Canta historia, canta arte, detrás dun patrimonio que se xerou xustamente cando a única lingua oral e a única da arte literaria no noso país era o galego…Canta ocultación, canta desmemoria, para ignorar de onde vimos, quen somos e ao que temos dereito como pobo…
















Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário