Coa presentación do libro O MONTE GALEGO, da editora SermosGaliza, o día sete de xullo na libraría Galiano de Ferrol, finaron as actividades deste curso da Sociedade Cultural Medulio. Estiveron presentes Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de SermosGaliza, e o coordenador do volume colectivo, e autor do artigo introdutorio, Alberte Blanco Casal, que foi Director Xeral de Montes cando o goberno bipartito BNG-PSOE na Xunta.
Após a disertación de Blanco Casal ficou moi claro que a problemática e causalidade dos incendios está directamente vinculada ás repoboacións forestais, mesmo de terras de labor, especialmente con eucaliptos, unha especie de praga ou pandemia inseparábel dos condicionantes que o establecemento de ENCE na ría de Pontevedra tivo para Galiza.
Avougou por unha alternativa de real diversificación do monte galego, de recuperación da base agraria do país, e de cumprimento de todos os ciclos productivos nas industrias que empreguen a materia prima galega. A edición de 1500 exemplares do libro esgotouse en tres meses, como fixo constar Xoán Costa, quen apostou por darlle continuidade a esta liña editorial sobre temas candentes, de tamaño apropiado, do que son os primeiros beneficiados os subscritores do semanario SERMOSGALIZA.
0 comentários:
Postar um comentário