image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Pola Costa da Morte

Corenta persoas, un autobús cheo, participaron na viaxe que Medulio organizou  pola Costa da Morte o día 29 de outubro, sábado, con saída ás 9.30 de Ferrol e regreso xa pasadas as 21.30. Foi unha estupenda oportunidade para, cun día luminoso, e máis cálido do que debese para esta época do ano, comprobar as pegadas de todas as etapas da humanidade no noso territorio. Primeiro, foi o dolmen de Dombate, moi ben explicada a súa función e os seus avatares polo guía que nos atendeu.

 Unha obra con seis mil anos ás súas costas, pegada da importancia dos ritos funerarios para os nosos antepasados. A seguir foi o castelo de VIMIANZO, existente desde o século XII, a grande etapa dos Condes de Trava e o rei  galego Afonso VII, hoxe cunha estrutura e forma máis próximas ao nosos tempo, onde coincidimos como se fose unha feira, un grande número de visitantes.


Máis tarde, após a comida nun espazo natural privilexiado, dirixímonos ás Torres do Allo, século XV, un primixenio pazo galego, testemuña dunha nobreza, en grande parte, xa allea, ao servizo da Coroa de Castela. Aquí como en Vimianzo, atentas guías déronnos as explicacións pertinentes. En ningún destes monumentos, dependentes da Deputación da Coruña, cobran nin sequera unha entrada por un prezo simbólico.


 Sobre as cinco da tarde chegamos a Moraime, lugar dun vello mosteiro, do que só se conserva, alén dunha casa reitoral do século XVIII,  unha igrexa románica, tamén da época de Pedro Froilaz, o devandito  conde de Trava, onde seguramente pasou días da súa infancia Afonso VII, protexido alí nunhas convulsas circunstancias. Aquí contamos coas explicacións de Manuel Vilar, historiador, arqueólogo, profesor, e veciño de Muxía.


 Este grande amigo de Medulio aproveitou para informarnos sobre o terreo, coa conseguinte comprobación empírica, de como Moraime expresaba distintas fases da nosa historia: vestixios romanos, suevos, o esplendor medieval, o século XVIII e mesmo relacionados coa etapa contemporánea. Naturalmente detívose na explicación da igrexa do século XII, seguindo con detalle o significado das pinturas murais do seu interior. Ficou moi evidente a relación deste templo co románico da fachada das Praterías da catedral de Santiago. Tamén nos acompañou Manuel á Nosa Señora da Barca. No momento de chegar había un solpor outonal dunha plácida tranquilidade.



Alí sobre os grandes penedos falounos da vida mariñeira en Muxía, da tradicional romaría da Barca, con tendencia a converterse en botellón, da presenza de Rosalía na zona...E non deixamos de nos decatar, do adefesio do parador, paralizado a medio construír, pendurado nunha aba escarpada costeira, auténtico atentado paisaxístico, co que, tarde, mal e sen sentido, quixo o Goberno de España compensar do desastre do Prestige....





















Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário