image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Sobre a excursión por terras ourensás


Realizouse, como estaba prevista, a excursión por terras ourensás o día 10 de outubro. Malia ser un percorrido maratoniano e apretado, resultou rechamante, aleccionador e pracenteiro. Trinta persoas percorreron o castro de San Cibrao das Las, seguindo as explicacións do guía sobre o significado dos castros e a súa evolución tras o dominio romano na antiga Galaecia. 

A seguir, contando coa compañía do alcalde de Allariz, Francisco García, a quen agradecemos o seu trato, a súa compañía e as súas vivas e documentadas explicacións, percorremos toda a vila, coñecendo directamente, da súa boca, non só a historia dela senón tamén a revitalización económica, demográfica e patrimonial levada a cabo nos últimos vintecinco anos. Achegámonos á parroquia de Santa Mariña de Augas Santas, contemplando a súa monumental igrexa románico-gótica e informándonos das súas pegadas suevas e romanas. 

Xa á tardiña, chegamos a Ourense. Guiados polo poeta e autor teatral Millán Picouto, visitamos a catedral, con especial explicación e atención ao seu Pórtico do Paraíso, que conserva a policromía, e ao Cristo barroco, Especial empeño puxo Millán en coñecermos As Burgas, emprazamento da cidade orixinaria, dándonos probas de amor e entusiasmo, alén de coñecemento, sobre o patrimonio histórico e artístico da cidade de Ourense. Tamén para el o noso agradecemento. 

Ás oito do serán aínda houbo vagar para que algúns dos participantes tomasen o baño nas augas termais públicas de Outariz, á beira do Miño. Chegamos a Ferrol ás  23.30 da noite, como estaba previsto. Case quince horas, das que doce foron para entrar en contacto cun patrimonio natural, artístico e histórico únicos.







Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário