Moi proveitosa e interesante resultou a nosa excusión para visitar algúns dos lugares do Concello de San Sadurniño, realizada o sábado, 28 de marzo, desde as 15.30, hora de saída de Ferrol, até as 20.45, hora de retorno.
O Alcalde, Secundino García, recibiunos ao pé da Igrexa de Igrexafeita, antes de o párroco, Xosé María Ladra López, con detemento e amabilidade, que agradecemos, comezar a explicación sobre as pinturas murais, do século XIV, conservadas neste templo, sobre o ara solis e os retablos barrocos e neoclásicos, de sabor popular, todo o que nos sorprendeu por descoñecido e valioso.
A seguir desprazámonos ao castelo de Narahío, lugar no que Secundino García informou dos avatares desta fortaleza nos últimos tempos, as actuacións que a administración autonómica levou a cabo, como consecuencia das reivindicacións do BNG, e o abandono que aínda padece, á espera de que o Concello poda facerse cargo da súa xestión….O castelo é unha testemuña viva duns tempos cruciais para Galiza, o século XIV, pois pasou das mans dunha nobreza galega con conciencia de clase dirixente, que optou maioritariamente por defender a causa de Pedro I, a outra proclive a aceitar o dominio e primacía de Castela, que representaba, entre outras moitas cousas, Enrique de Trastámara. Este título nobiliar é de orixe galega, o que está detrás do Tambre, un condado con avoengo galego, que acabou por apropiarse del, paradoxalmente, a dinastía que máis odiou e perseguiu o pobo galego por ser o epicentro da resistencia contra ela.
O arqueólogo Eloi Saavedra deu conta da súa estrutura arquitectónica e do seu papel económico , social e militar na súa época, información que agradecemos. Xa no Pazo da Marquesa o Alcalde, Secundino García, falou sobre a súa historia, de como se logrou que pasase a propiedade municipal, e como se fixo a rehabilitación (proxecto do arquitecto Iván Rivas) e as funcións que agora cumpría, como casa do Concello. Medulio agradece vivamente ao Alcalde, Secundino García, o trato recibido e exprésalle o desexo de os seus esforzos vérense revalidados na próxima cita electoral de maio, polo ben do pobo de San Sadurniño e de Galiza.
Finalmente, o concelleiro Manuel Varela, acompañounos, dando todo tipo de explicacións, á horta municipal de froitas autóctonas da comarca: mazas, peras, cereixas, pavías, ameixas…con tal variedade que impresiona. Vaia para el tamén o noso agradecemento. Compartimos a necesidade destas experiencias medraren até lograr que a nosa froita apareza, co relevo e o aprezo que merece, nos nosos mercados…..Antes de coller o autobús para regresarmos, contemplamos o enorme e fermoso xardín anexo ao Pazo, onde moitos e moitas non puideron resistir a tentación de coller algunhas camelias rechamantes polo seu tamaño e cor.
0 comentários:
Postar um comentário