image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Salón ateigado e animado coloquio



Como estaba previsto, celebrouse a palestra sobre do dereito a decidir das nacións sen Estado sobre si mesmas, coa participación de Joan Tardá (ERC), Onintza Enbeita Maguregi (Amaiur) e Francisco Jorquera Caselas (BNG), na Galería Sargadelos. O salóns ateigouse de xente, con persoas de pé e, após unhas breves inetervencións, deuse paso a un variado e interesante coloquio. 

Joan Tardá explicou as mutaciósn acontecidas na sociedade catalá , nos últimos anos, como consecuencia da hostilidade española a demandas de maior autogoberno, tamén as acontecidas en CIU, que pasou de ser unha organización autonomista a unha claramente nacionalista e soberanista. Subliñou o carácter popular da aposta polo dereito a decidir de Catalunya, que conta coa oposición da oligarquía catalá-española (Caixabank, Gas Natural, Planeta...), e a firme e maioritaria decisión de apostar por o pobo catalán se expresar en referendo verbo do seu futuro. Onintza Enbeita explicou a incidencia do fin da violencia armada na sociedade vasca para unha maior participación social e política do pobo, o compromiso da súa organización, seguindo ritmos propios, para incentivar un proceso similar ao catalá, e a súa convición de que unha parte substancial da base social e electoral do PNV pode apostar tamén nesta dirección. Francisco Jorquera debullou as razóns polas que o pobo galego necesita máis do que ninguén de apostar por unha vía de concienciación e popularización sobre a necesidade de decidir sobre os graves problemas de todo tipo que sufre por causa do deseño español e europeo, letal para os seus intereses. Concordou en que era fundamental, nesta etapa, dotarse dun discurso e dunha acción convincente e pedagóxica, en consonancia co estado da conciencia social, partindo dela para avanzar. Clarificou como era imposíbel desenvolver unha política de liberación social e económica na Galiza se non se tomaba como elemento vertebrador a necesidade de soberanía, de termos capacidade para decidir por nós mesmos sobre nós. 



No coloquio participaron oito persoas, dando pé a tratar cuestións, como a posición da UE fronte aos procesos de capacidade de decidir das nacións sen Estado na súa área, se era posíbel unha mudanza de modelo social e económica dentro dela, ou sobre o carácter eminentemente político e democrático dos procesos de liberación nacional. Para os intervintes o proceso independentista vai incardinado na necesidade de construír un Estado de benestar e nunha dirección oposta á globalización financeira. Tanto é así que mesmo o representante catalán identificou república -catalá, por suposto- con dique de contención contra a marea capitalista neoliberal. O acto rematou pasadas as 22 horas por compromiso adquirido coa Galería. 

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário