Medulio está orgulloso de ter organizado a estrea do concerto que o Sexteto Tempo Catro preparou co título "Rosalía de Castro, os ollos que falan". Sorpresa, admiración, respecto e identificación definen a reacción do público que ateigou o Jofre (640 localidades) para ver e escoitar esta adaptación musical de 11 poemas de Cantares Gallegos. Non só é o maior número musicado até o de agora, senón, ao noso xuizo, o traballo de maior calidade e o máis acertado para espallar e actualizar a obra rosaliana. Infelizmente non chegou a tempo o dc que contén todos os cantares musicados. Porén, xa estará esta semana á venda. Todo isto é posíbel grazas ao impulso e patrocinio da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, empeñada en celebrar debidamente os 150 anos do libro auroral da literatura galega contemporánea. Ela é a promotora deste traballo do Grupo Sexteto Catro e quen procurará sexa visto e escoitado, coa colaboración doutras entidades culturais ou concellos proclives, notras vilas galegas os próximos meses.
A caron desta información figura o programa do concerto, todos os músicos que compoñen o Sexteto Tempo Catro, coa voz nítida e expresiva de Begoña Lorenzo que conduce tamén o espectáculo. E como non, hai indicación dos autores da música que acompaña os poemas rosalianos. Todos eles son os artífices deste marabilloso e sorprendente agasallo que demostra canta capacidade artística existe no noso país e o valor icalculábel da nosa cultura nacional.
0 comentários:
Postar um comentário