image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Palestra sobre a reforma educativa do PP, coa participación da CIG, CCOO, UXT e as organizacións pedagóxicas AS-PG e Nova Escola Galega.



Anxo Louzao ( Secretario Xeral da CIG Ensino) explicou como o PP pretende centralizar e españolizar aínda máis o sistema educativo e facelo máis selectivo, clasista e elitista. O proxecto gobernativo agrava a crítica situación de indefensión e subordinación do noso idioma no sistema educativo.

Verísimo Pazos (responsábel de comunicación da Federación de Ensino de CCOO)  catalogou o proxecto de Wert de contrarreforma educativa, seguindo unha estratexia de mudanza social contra as maiorías.

Raúl Gómez Farto (Secretario de Ensino Público de UXT) cualificou o proxecto de chapuza lexislativa que pretende ser posta en vigor canto antes e incidiu sobre os perigos dunha formación profesional dual.



Xoán Costa ( Presidente da AS-PG)  debullou a dependencia do proxecto de lei dos deseños da OCDE e do FMI que avogan por someter o sistema educativo aos mecanismos reguladores do mercado, converténdoo nun negocio, alén de favorecer currículos únicos a nivel mundial, fixados polo Estado.

Mariló Candedo ( Presidenta de Nova Escola Galega) dixo que  a reforma servía a unha posición ideolóxica descarada, por privatizadora, centralista e antidemocrática, que pretende reforzar a segregación do alumnado desde idades temperás.

Nas intervencións puxéronse tamén de manifesto a subordinación do proxecto de lei á cúpula eclesiástica, a burocratización do papel do profesorado, o reforzo da política de concertos co ensino privado, mesmo segregando o alumnado por razóns de sexo, a excitación da competencia entre centros, profesores e alumnado e, dentro dos distintos modelos da UE, a preferencia polo vixente na Alemaña no canto do vixente na Finlandia, sen a menor consideración polo feito do Estado español ter seis millóns de parados. 


No animado coloquio posterior ás intervencións desde a mesa, subliñáronse e comentáronse, alén de formular preguntas, aspectos como: a necesidade de mudar unha constitución obsoleta, que só deixa marxe para a centralización, a supremacía do español e a agresión ás maiorías, e que non ofrece amparo a ningunha mudanza positiva, tal como criticara o representante da CIG; as consecuencias do retorno ás vellas reválidas e o seu impacto no papel do profesor e no ensino como rutina, burocracia e selección desde a infancia; a forma de promover o uso das novas tecnoloxías; a utilización do sistema educativo para españolizar e desnacionalizar, que si, no caso de Catalunya, é unha aspiración que o propio ministro Wert asumiu con descaro, no caso galego chegou xa a límites de galegofobia desde a propia Xunta, que se comporta como alumno avantaxado do Goberno de Madrid e usa do noso país como laboratorio para experimentar. Tamén se fixo unha chamada a participar na manifestación do día 27 en Compostela en defensa do noso idioma fronte á política lingüística do goberno Feijóo.

A esta palestra, que se celebrou, como estaba previsto, o 23 deste mes, no Salón de Actos da Escola de Idiomas,  asistiron máis de setenta persoas, de distintas profesións e idade.

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário