image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Un novo día de Rosalía

Coincidindo co 23 de febreiro, data do nacemento da nosa escritora, Medulio organizou un acto que se desenvolveu en tres partes. A primeira foi a proxección do video I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos, unha produción da AS-PG, realizada en 2013, coincidindo co 150 aniversario do libro citado. A segunda, un recitado de poemas de Cantares e Follas Novas, a cargo do Grupo de Teatro da Sociedade. Nun pequeno descanso sorteáronse dez libros, entre o público asistente, co título Personaxes da Galiza medieval, editados pola Asociación Cultural O Galo de Santiago, e agasallados a Medulio con esta finalidade. A terceira parte consistiu nos poemas musicados, a cargo de Xoán Padín (voz e guitarra), Alberte Maceiras (zanfoña e percusión) e Luisa Sánchez Meizoso (voz). O conxunto resultou un espectáculo que subliñou o valor da poesía de Rosalía de Castro, pondo, como sempre, en relevo a súa vixencia e cualidade comunicativa, demostradas pola entusiasta reacción e o agradecemento do público. Nesta ocasión, o repertorio estivo formado por seis cancións estreadas xa en celebracións anteriores, e catro inéditas, especialmente para esta ocasión. Medulio, fuxindo de celebracións rituais, está empeñado en espallar entre o público, a obra de Rosalía, en particular a poesía, e o recurso a musicala aparece como un instrumento de moi alta eficacia.

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário