image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Presentación do LIBRO NEGRO DA LÍNGUA GALEGA

O día 15 deste mes tivo lugar a presentación no salón de actos do Antigo Hospicio do libro de Carlos Callón, que leva o título devandito. Con notábel asistencia, desenvolveuse o acto en que tomaron a palabra, Elia Rico, Presidenta da Sociedade Cultural Medulio, Francisco Rodríguez, escritor, e o autor, Carlos Callón. Os intervintes puxeron de manifesto que a documentación que o libro ofrecía demostraba que levamos padecido un proceso de imposición lingüística, desde o século XV, do castelán contra o galego, que, baixo distintos instrumentos, políticas e discursos, ten como obxectivo a aniquilación do noso idioma. Carlos Callón aclarou que non se sostiña a tese de os problemas actuais da nosa lingua, en todas ordes, proviren do franquismo. Teñen unha causalidade histórica que se prolonga nos nosos días, con outras formas e maneiras, non sendo a etapa franquista máis que unha fase desa imposición destrutiva secular, con características específicas nalgúns aspectos, pero nunca novidosas. O libro, con abraiantes probas documerntais, desvenda a represión, a imposición, o desprezo, a marxinación a que os poderes públicos foron sometendo a poboación galego-falante coa exclusión do seu idioma de calquera función oficial, pública, formal. Converteuse só nunha lingua oral e coloquial que foi perdendo terreo tamén no seu propio espazo social, por desamparo e exclusión do poder e connotacións negativas derivadas dun proceso histórico que foi asentando estereotipos negativos, que non só non desaparecen, senón que se afondan coa dependencia e subordinación de Galiza dentro do Estado. Carlos Callón respondeu a preguntas do público nun coloquio animado, que sen dúbida incitou os presentes a mercar e ler libro tan fundamental, pois enche un baleiro informativo que deita luz sobre como e por que chegamos á situación actual da nosa lingua.

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário