image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

A importancia das cinco-R


Desde principios da humanidade, cando estabamos nas árbores, nas covas ata hoxe en día, sempre fomos xeradores de residuos. Mais coa chegada da revolución industrial ata este momento da chamada sociedade de consumo, estamos a xerar moreiras de residuos, moitos deles moi perigosos que están a supor unha forte carga para o planeta. O esgotamento dos recursos naturais, a maior parte deles non renovábeis, xa que o ritmo de extracción é superior a súa reposición por parte da natureza, asi como tamén a desaparición dos hábitats naturais, a contaminación do planeta,  xunto co cambio climático son consecuencia desta sociedade de consumo. Unha sociedade que a maior parte do seu consumo é de usar e tirar, o que leva consigo un mal gasto de materias primas. As galegas estamos a xerar 1 kg de residuos ao día, sen contar os residuos agro-gandeiros, os da industria, os residuos da minería etcétera, ademais da parte que a cada unha de nós tócanos dos Residuos que van a atmosfera.

Hoxe en día debemos, nós as galegas, tomar conciencia a hora de consumir e pensar que si o que imos mercar é absolutamente necesario. Debemos ser racionais e analizar os nosos hábitos de consumo e o que estes supón para o planeta e sobre todo, para as xeracións vindeiras. Ser crítico a hora de mercar é fulcral, como signo de responsabilidade. Mirar de onde ven ese produto, como se fabricou, que compoñentes ten, que pasara cando sexa refugallo, en que condicións se fixo, é algo necesario hoxe máis que nunca, para deste xeito desbotar aqueles produtos non sostíbeis medio ambientalmente e forzar a industria a facer produtos sustentábeis en toda a súa cadea de vida.

Mais mentres isto non sucede é necesario, que apliquemos a regra das cinco R no noso día a día por esta orde:

      Reducir: Sempre que vaiamos a mercar debemos preguntarnos se é absolutamente necesario. Ademais debemos reducir sobre todo as embalaxes, levando nós os nosos propios envases. Mercar produtos a granel, levando nós os tuppers levando as bolsas de tea, mochilas ou cestos é moi importante. Non pensemos que por ser embalaxes de papel non pasa nada. Cada ano córtanse 15 mil millóns de árbores, soamente para a produción de papel, consumido este por un 15% da humanidade. Evitar os produtos plastificados e consumir aqueles produtos que as súas embalaxes poidan ser reciclados facilmente como o cristal é un bon hábito.

      Reutilizar: Sempre que poidamos debemos darlle unha segunda vida aos produtos. Escribir en papeis usados só por unha cara, a primeira auga da ducha en inverno a cal sae fría recollelas nun cubo para regar as prantas ou para o retrete, ese recipiente de iogur para facer un bote para os lapis, etcetera. Entre outra cousas conseguiremos prolongar a vida da mercadoría e evitar a súa posíbel incineración ou depósito nun vertedoiro. Non vos enganedes pensando que isto non importa, isto feito por moita xente o planeta nótao moito.

      Reparar: Na Galiza isto fíxose sempre. Quen non levou os zapatos ao zapateiro ou o pantalón a costureira a por parches nos xeonllos?. Mais hoxe en día debemos facelo tamén con outros moitos produtos, sobre todo os electrónicos. Moitas veces pensamos que é mais custosa a reparación, que mercar un produto novo. Mais si avaliamos o impacto ambiental e o custe para a natureza o resultado e que é mais económico arranxalo. Ademais hoxe en día en moitas cidades xa hai grupos de persoas asociadas para este fin, o de buscar o xeito de reparar moitos destes produtos (impresoras- portátiles- celulares, etcétera...)

      Reciclar: Esta debe ser a fase final do proceso, xa que é consumidora na maioría das veces de inxentes cantidades de enerxía. Ademais a capacidade para levar a cabo a reciclaxe a teñen os gobernos e grandes empresas.

      Repoñer: Isto tamén depende do poder, xa que debemos deixar que a Terra repoña os recursos naturais que extraemos para as nosas sociedades, para o noso día a día.

Xa para rematar se practicamos todo isto, sobre todo as 3 primeiras R (REDUCIR -REUTILIZAR-REPARAR) no noso día a día, estaremos diminuíndo as emisións de gases de efecto invernadoiro, debido ao aforro de enerxía, diminuíndo a contaminación dos nosos ecosistemas mariños e terrestres, diminuíndo a deforestación e o esgotamento dos recursos naturais, diminuíndo a cantidade de auga utilizada pola industria.... En definitiva, conseguiremos ter un planeta saudábel e unha sociedade sostíbel.


Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário