image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Para o Pobo Galego

Á atención do Presidente da Xunta :

Perante a posición e intervención pública da Xunta de Galiza respecto da situación en Catalunya, expresada de forma reiterada polo presidente Feixóo, coa finalidade de intoxicar e confundir a opinión pública galega, a Sociedade Cultural Medulio, comprometida co dereito do pobo galego, como diferente, a ser existente en todos os campos, desde o cultural e lingüístico até o político, manifesta:

1.-Ningún dos graves problemas que ten Galiza (envellecemento, paro, retroceso demográfico, emigración, desmantelamento industrial, carencia de agricultura, eucaliptización, espolio dos nosos recursos minerais e enerxéticos, drenaxe dos noso aforros, inexistencia dunha oficialidade real para a nosa lingua, desprezo e ignorancia da nosa historia e das manifestacións culturais propias....) está causado polo pobo catalán defender o seu dereito á existencia, ter vontade política propia e querer expresala a través das súas institucións e votando en referendo sobre o seu futuro. A causa deles ten a ver co papel que a Galiza se lle asigna dentro do Estado español. Isto é, dentro do deseño de unidade de España, que tanto adoran, defenden e sacralizan os partidos políticos que, como o do presidente Feixóo, usan das institucións de teórico autogoberno de Galiza, non para defender os seus intereses senón para facela servil con quen a maltrata. Causa rabia soportar como usan o seu nome en van para enlealo contra o lexítimo dereito de outro pobo a ser libre e expresar unha vontade política en relación co seu futuro.

2.-Rexeitamos con enerxía esta descarada manipulación que pretende facernos aínda máis submisos cun deseño do Estado español do que somos un dos principais prexudicados (os feitos falan por si mesmos de forma elocuente). Intentan de forma cínica que proxectemos aínda enriba incomprensión, odio e agresividade contra o pobo catalán e as súas institucións, por non comungar con ese deseño, por considerar que nel non teñen cabida como nación con dereito a ser ela mesma. Farían ben os nosos gobernantes en se preocuparen máis de nós e dos nosos dereitos como pobo galego, da nosa existencia material, e de reclamar as mudanzas políticas necesarias dese deseño para non estarmos abocados a suicidarnos colectivamente, que é a onde nos están conducindo.

3.-En todo caso, afirmamos que, perante unha situación de conflito como a que se está a vivir, a solución non é o uso da forza represora, policial ou xudicial, nin o cárcere, nin as insidias intoxicadoras nin a propaganda manipuladora. Tampouco o é, impedir o debate libre, nin a manifestación política das institucións como o Parlament. A única vía posíbel é o recurso ao diálogo, e asumir que o pobo catalán existe, como existe o pobo galego, por moito que se intente negalo desde dentro de nós mesmos tamén.

O diálogo e o recoñecemento da existencia de pobos diferentes dentro do Estado español levará a asumir como normal, en democracia, que se podan pór urnas para decidir, votando libremente, sobre unha cuestión que é causa de conflito. Aproveitamos para expresar a nosa discrepancia cunha sentencia xudicial que condena a anos de cárcere os dirixentes cataláns por cumpriren as decisións das súas institucións de autogoberno e intentar que se expresase nas urnas a vontade política do pobo catalán

Finalmente cremos que boa falta lle fai ao pobo galego tamén debater e decidir sobre se co actual marco autonómico hai capacidade para encarar e resolver os principais problemas económicos, sociais, culturais e lingüísticos que nos abafan.

FERROL, A 2 DE NOVEMBRO DE 2019

Directiva da Sociedade Cultural Medulio

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário