image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Día 24 de febreiro, Día do nacemento de Rosalía hai 182 anos, celebrámolo así:




 A Sociedade Cultural Medulio de Ferrol fixo ás 18 horas, o día 24, no Antigo Hospicio de Ferrol,  un repaso polo mundo rosaliano, para dar conta da súa variedade, riqueza e modernidade, unha poesía sen igual, rompedora e aínda viva por moitos aspectos. O encargado de pór voz e música aos poemas  foi o grupo MOLIME, formado por Xoán Padín, cantor, Alberte Núñez, acordeón, e Alberte Maceira, saxo e percusión. O resultado son cancións sorprendentes pola súa  orixinalidade, diversidade de rexistros e riqueza expresiva e filosófica. Contaron coa asesoría de Francisco Rodríguez para unha acertada adecuación de letra e música. Os poemas cantados foron os seguintes:


1.- Rosalía abre o seu segundo libro en lingua galega, Follas Novas (1880), deixando claro que ela, a súa personalidade, a súa forma de ser e de sentir non se corresponde co estereotipo que había, e aínda hai, sobre o que é unha muller. Daquelas que cantan....
2.-Trátase  do contraste que sentía moitas veces entre o seu ánimo e a fermosura do mundo natural que a rodeaba, o que aguzaba a súa sensación de desacougo e desharmonía. No ceo, azul clarísimo...

 
3.-Rosalía fai poesía que interpela, debate e contrasta co pensamentos de outros. Neste caso, cos médicos, para subliñar que hai males que a medicina non cura. Son os males do corazón, dos sentimentos, dos sufrimentos psíquicos de todo tipo. Teño un mal que non ten cura.
4.-Rosalía era unha muller moi alegre, contra o que se cre. Aquí imos ver tamén un diálogo entre dúas mulleres de clase popular. A actitude esperanzada, dun futuro prometedor, e a actitude realista, desconfiada, de que debemos vivir o presente, que é o único tanxíbel e experimentábel. Está na liña de algúns de Cantares Gallegos (1863), se ben con espírito máis realista e coloquial. Nel o alcol, como droga, minora, reduce as penas ou axuda a esquecer a dura realidade...Vamos bebendo....


5.-A piedade perante a desgraza, os desgraciados, os maltratados pola vida, era unha característica rosaliana....a ela gustáballe evidencialo cun xogo que manifestase que ninguén está libre dela, e que como tratas te tratarán....Ti onte, mañá eu
6.-Fronte á idea católica do matrimonio ser un sacramento, Rosalía defende que, en todo caso, sería unha necesidade material, física, quitándolle a importancia grandilocuente sobrenatural para poñelo a ras de chan...unha forma indirecta de facer ver que non ten que ser para sempre, a lexitimidade do divorcio...Decides que o matrimonio...
7.-Dous poema para xustificar os suicidas fronte á condena do que eran obxecto pola Igrexa, que impedía o seu enterro en lugar sagrado. Son para ela como os mártires do cristianismo. Un de protesta explícita, o outro montado sobre unha realidade obxectiva que fala por si soia...Por que, Dios piadoso? e Soia!...
8.-A lúa é un astro que simboliza os tristes, os que padecen discriminación, os que senten amores heterodoxos, non normativos...un astro da súa preferencia...Vemos como Rosalía era en realidade unha nihilista relixiosa, á veces....unha muller capaz de imaxinar mundos sobrenaturais moi vinculados ao noso mundo real, sen darlle á súa vez existencia certa.....Lúa descolorida
9.-Vimos como sentía o papel de Galiza dentro dun Estado español en construción tal e como é hoxe, e que sentimento lle espertaba a función que Galiza cumpre nel....Este é un poema de Cantares Gallegos, o seu primeiro libro en lingua galega, vendido por subscrición entre amigos e amigas de Rosalía e o seu marido Murguía.....Pobre Galicia...

Dous poemas, Vamos bebendo e Pobre Galicia...foron obxecto de proposta para participaren os asistentes, cantando colectivamente. Efectivamente, os asistentes, que enchían o salón do Antigo Hospicio, participaron con entusiasmo e agradeceron con sonoros aplausos o Grupo Molime.

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário