image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Vendo A derradeira leición do mestre


O día 15 pola tarde viaxamos a Compostela para visitar a exposición bautizada oficialmente como Castelao maxistral, na que se acha como centro A derradeira leición do mestre de Castelao, traído da Arxentina para a ocasión. Para comezar, nun apartado do grande vestíbulo, Rubén, Antonio e Manuel, da Asociación Ferrolterra Antigaexpuxeron o contexto da obra de Castelao e a evolución da súa arte e do seu pensamento ás cincuenta persoas que conformabamos o grupo. Con axilidade e expresividades estes tres mozos, graduados en historia, debullaron unha serie de aspectos para subliñar na obra literaria e plástica de Castelao o carácter patriótico, valorizador da tradición como orixinalidade e arma de modernidade,  sen desprezar e aproveitando o coñecemento doutras culturas. 
Asemade puxeron de manifesto o carácter nacionalista do seu compromiso político e a súa  firme crenza en que o pobo galego debe ser un pobo que se exprese politicamente como tal. As súas explicacións foron compensadas cun aplauso unánime. A seguir, María Antonia Pérez, profesora da Faculdade de Humanidades de Ferrol, xa no espazo expositivo, desvendou as limitacións e terxiversacións do deseño que se seguiu para contextualizar A derradeira leición do mestre, especialmente con outras obras menores ou sen relación incisiva  do autor, intentando así desvirtuar o seu sentido literal e  simbólico...É como se o comisario e os patrocinadores, a Xunta,  desta exposición intentaran disminuir a importancia artística e o significado revelador por tantos conceptos da obra global de Castelao, e en particular reducir o significado político en toda a súa dimensión do cadro central da mostra. 
Perante el, María Antonia foi explicando, coa habelencia e os coñecementos que a caracterizan, os rasgos formais do grande óleo que conducen a unha sensación de silencio, desolación, tristeza e piedade, coa a arma da esperanza aboiando en relación co futuro. E Informou do amplo eco internacional que a obra de Castelao, entre 1936 e 1939, espertou en grande parte do mundo como denuncia do terror do fascismo a través dos álbumes de guerra, Galicia mártirAtila en Galicia e Milicianos.
O grande cadro  A derradeira leición do mestre, elaborado en 1945, en Buenos Aires, é unha trasposición dunha lámina co mesmo título e a mesma composición de outra de Galiza mártir . A  sensación que produce o cadro  é aínda máis impactante e convida a unha observación demorada e dunha emoción contida en quen a contempla, tal e como fixemos, admirados, os alí reunidos arredor da palabra de María Antonia perante un cadro, que merecería ter asegurada a súa permanencia na Galiza.










Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário