image1 image2 image3

Sociedade Cultural Medulio|Facendo que Galiza exista!|Benvidas!

Presentación da Revista Terra e Tempo dedicada á Revolución Soviética e a cuestión nacional

Coa participación de Manuel Rei Romeu, profesor e escritor, e Néstor Rego Candamil, secretario xeral da U.P.G, autores de seños artigos sobre Castelao e a revolución soviética e sobre a fundación da Unión do Povo Galego en 1964, tivo lugar o día 24 de novembro, ás 20 horas, no salón do Antigo Hospicio, a presentación do número do Terra e Tempo dedicado á revolución soviética e a cuestión nacional. 



As súas intervencións serviron para centrar o coloquio sobre o papel dos partidos comunistas europeos en relación coa cuestión das nacións sen estado, en contraste coa teoría leninista do dereito á autodeterminación das nacións. Tamén subliñouse como o nacionalismo galego nunca tivo un carácter anticomunista ou antimarxista, senón como mesmo os seus pensadores e políticos máis significados mantiveron unha posición de simpatía, sobre todo pola teórica asunción leninista do dereito de autodeterminación e o papel da URSS como unión de repúblicas federativas e modelo social ao servizo dos traballadores.

No caso da Galiza de posguerra, a UPG respondía a unha tradición nacionalista, que pensou sempre o futuro do país desde unhas claves interpretativas xenuínas, baseadas na democracia, o antiimperialismo e na critica do capitalismo. A evolución da UPG consistiu en elaborar unha interpretación da realidade de Galiza que, partindo desta aportación nacionalista, aplicase  unha perspectiva conscientemente leninista, coas contribucións de teóricos dos países do terceiro mundo, colonias en proceso de liberación, sempre de forma creativa e propia.

A Sociedade Cultural Medulio prestou a súa colaboración á Fundación Terra e Tempo para realizar este acto que veu substituir á palestra sobre Cataluña, que debeu ser adiada até o 12 de xaneiro por causa de urxencias inesperadas e ineludíbeis para Carles Campuzano, portavoz do PDeCAT no Congreso dos Deputados.

Neste número do Terra e Tempo figuran outros oito artigos sobre distintos aspectos relacionados con esta temática: as ensinanzas da revolución (Duarte Correa Piñeiro), a nación, materia pendente do marxismo (Rubén Cela Díaz), a creba da II Internacional e a liberación das nacións oprimidas (Francisco Sampedro), as mulleres como motor para o avance da revolución (Megan Trudell), Suárez Picallo, precursor do marxismo galego (Xosé Ramón Ermida Meilán), autodeterminación, leninismo e revolución (Belén Castellanos), unha visión latinoamericana do marxismo e a cuestión nacional (Ronaldo Carmona), movementos de liberación nacional da segunda metade do século XX (Xoán Carlos Garrido Couceiro).

Share this:

CONVERSATION

0 comentários:

Postar um comentário