Con sorpresa e interese seguiron os e as asistentes, o día 14 de marzo, martes, no Antigo Hospicio, a información de Ánxel Ríal e Francisco Rodríguez sobre os graves e sanguentos sucesos acontecidos entre o 9 e o 13 de marzo de 1918, en Xuvia, Ferrol e Sedes-Narón, con afectación a toda a comarca.
As protestas, protagonizadas por mulleres, sobre todo, contra a carestía da vida, foron respondidas con disparos polas autoridades gobernativas, co resultado de nove persoas mortas (dúas en Ferrol, o día 11; sete en Narón-Sedes, o día da feira, o 13), máis de cen feridos e feridas (as primeiras de gravidade, dúas mulleres o día 9, en Xuvia), e ducias de detidos, e sobre todo, detidas. O Goberno aplicou o estado de guerra, a cidade foi tomada polo exército e as estacións de camiños de ferro e as estradas de acceso pola garda civil. Unha censura férrea e sen miramentos pairou sobre os medios de comunicación.
Resulta rechamante que tan graves sucesos fosen case borrados da memoria colectiva. MEDULIO está comprometido coa iniciativa de lograr que aboien do silencio. Por iso está a participar, con outras organizacións sociais e culturais da comarca, na preparación dunha homenaxe ás vítimas da represión do Estado español, co gallo do centenarios do sucedido, en marzo de 2018, para pór de relevo a valentía, rebeldía e sacrificio do noso pobo, especialmente as mulleres, na súa defensa dunha vida digna.
Fotos e vídeo: Miguel Anjo
0 comentários:
Postar um comentário