Tivo lugar a palestra sobre o Convenio con Defensa. Participou a representante do Goberno Municipal, e responsábel da área de Urbanismo, por Ferrol en Común, María Fernández Lemos, e o portavoz do BNG, Iván Rivas Rico. Non asistiron os representantes do PP, do PSOE e de Cidadáns, malia estaren convidados, demostrando así o seu nulo interese pola transparencia e o contacto directo coa xente, para explicaren as súas posicións.
Das intervencións e do posterior debate, quedou claro que o concello de Ferrol está gravemente afectado por Defensa, que se comporta como unha empresa especulativa, co recurso á extorsión e ao espolio, non pagando ademais ningún imposto ou taxa municipal. Os termos e condicións nas que está redactado o Convenio vixente, non executado aínda, deixan claro a súa inviabilidade, ademais de resultar un despropósito, construción de centos de vivendas e unha área comercial no Sánchez Aguilera, pois non hai posibilidade de semellante operación urbanística nunha cidade en retroceso demográfico e cunha parte relevante do seu parque de vivendas baleiro.
Mentres, aínda por riba, o Concello é o responsábel do patrimonio desafectado por Defensa, sen ser o seu propietario, ou debe pagar máis de 500.000 euros por acceder á propiedade dalgúns inmóbeis como Monteventoso. Especialmente desde o BNG defendeuse a necesidade non só de denunciar o convenio, senón de anulalo e comezar unha liña reivindicativa que conduza a outro tipo de relación xusta e igual entre administracións públicas.
A liña orientativa debe basarse, en termos xerais, no criterio de que, unha vez desafectadas dos seus usos as propiedades da administración estatal, debe contemplarse a posibilidade da súa transferencia para usos adecuados, sen deixar pasar o tempo coa consecuencia do seu deterioro e ruína. Asemade tamén se viu necesario que o Estado compense a facenda municipal pola falta de ingresos derivada das propiedades estatais estaren exentas de pagar impostos. E, desde logo, obrigar a que se paguen, por actividades que pagan todos os cidadáns, taxas de auga e lixo, licencias municipais e obriga de manter a seguridade dos edificios...
0 comentários:
Postar um comentário