Foi masiva e animosa a manifestación en defensa do noso idioma, os seus dereitos, os nosos dereitos como galegofalantes, a prol dun futuro certo. O día 8, domingo, cun día luminoso, milleiros de persoas, unhas 25.000, percorreron as rúas de Santiago, para acabar nunha Praza da Quintana ateigada e desbordada de xente.
O enérxico e clarificador discurso do Presidente da MESA, Marcos Maceiras, denunciando as mentiras e hipocrisías do Goberno Feixóo, a súa política destrutiva contra o noso idioma, puxo o remate á mobilización. Durante o tempo que a xente tardou en entrar na praza encargáronse de animar o público as intervencións do Carrabouxo, Mofa e Befa e Isabel Risco, sempre con tanto acerto e intención. Tamén actuaron grupos musicais. E gaiteiros que tocaron o himno galego ao final.
O día 5 MEDULIO celebrou a mesa redonda Futuro para o Galego/Futuro para Galiza coa participación de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Goretti San Martín e Marcos Maceiras, con debate posterior sobre a situación do noso idioma e perspectivas de futuro. Medulio colaborou activamente a encher os autobuses que se desprazaron desde Ferrolterra a Santiago para participar na exitosa manifestación.
0 comentários:
Postar um comentário