A visita ao mosteiro de San Martiño e a Neda, desenvolvida o día 29 de xuño, converteuse, grazas á explicación de Alexandre Pérez Vigo, na entrada a unha etapa histórica de grande vitalidade para o reino de Galiza, e en particular para a comarca de Trasancos. A través da explicación da Igrexa románica do Couto coñecemos as vinculacións coas Ordes de Cluny e o Císter, as relacións especiais de Galiza coa Borgoña e o papel rector dos Condes de Traba nas monarquía dos reis galegos Fernando II e Afonso VIII, así como na Galiza bracarense, o incipiente reino de Portugal.
A andaina desde o Couto até o centro de Neda, en sendeiro paralelo á vía férrea, valeu para contemplar a fermosura da ría e a súa afectación polos vertidos de Megasa, a falta de depuración e o abandono das actividades litorais tradicionais. Neda apareceu coa relevancia comercial e política que tivo, como vila de reguengo, terra de poetas e travadores tamén (Fernando Esquío). Chamou a atención o escudo en pedra da Idade Moderna, época dos Austrias, ubicado a carón do Concello, no que Alexandre Pérez Vigo, fixo notar a presenza do símbolo de Galiza: o cáliz. Quíxose indicar así a pertenza do reino de Galiza, con personalidade propia, á monarquía dos Austrias, como se o león estiver exclusivamente xa asimilado ao reino de León. O historiador explicou tamén cal foi o papel de Galiza no conflito entre Pedro I e Enrique de Trastámara, como se viviu na comarca de Trasancos, e o importante papel rector de nobres como Fernando de Castro ou Andeiro, á hora de defender unha opción galega fronte ao expansionismo de Castela.
Unhas cincuenta persoas acudiron a esta xeira comarcal de "Coñece o teu país". Cos seus aplusos ao final quixeron subliñar a eficacia e interese das explicacións fornecidas por Alexandre Pérez Vigo, a quen Medulio agradece a súa desinteresada colaboración.
0 comentários:
Postar um comentário